quinta-feira, 23 de julho de 2009

A USC e Política Lingüística renovan a súa colaboración no ILG

Redacción. A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a secretaría xeral de Política Lingüística acaban de dar continuidade ao convenio de colaboración que, de xeito ininterrompido dende o ano 1994, apoia o labor investigador desenvolvido polo Instituto da Lingua Galega da institución académica compostelá (ILG).

O acordo quedou formalizado nun acto no que interviñeron o reitor da USC, Senén Barro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que estiveron acompañados pola directora do ILG, Rosario Álvarez.

Deste xeito, a USC continuará a traballar a través do ILG na elaboración do novos volumes do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) e paralelamente coa corrección e mantemento da base de datos informática dos materiais extraídos dos seus cuestionarios. Tamén se concluirá o traballo de preparación de materiais do ALGa para incorporar á páxina web do ILG. Neste senso, tanto o ficheiro lexicográfico como os cadernos do Atlas son na actualidade unha fonte de información imprescindible para calquera traballo sobre gramática e léxico.

Léxico

Durante este ano rematarase ademais o volume correspondente a Ser humano II e continuarase coa elaboración dos seguintes volumes correspondentes á parte de léxico e cos traballos de corrección e mantemento da base de datos informática.

En virtude deste mesmo convenio, a universidade compostelá continuará coa elaboración e actualización da base de datos lexicográfica e ao mantemento do Tesouro Informatizado da Lingua Galega. Así, durante este ano, se prevén incorporar novos textos á base, ao redor de 650.000 palabras, e rematar a transferencia á linguaxe XML dos arquivos textuais, complementando o conxunto co deseño de novas aplicacións de busca para axilizar as consultas realizadas a través da páxina web.

Dicionario

Até o momento, o ILG xa ten realizada a recolleita dun corpus lexicográfico, para a elaboración dun dicionario galego, procedente do baleirado de textos galegos de máis de 1.000 obras producidas dende a etapa do pre-Rexurdimento até a actualidade. A base de datos xerada aproxímase aos trece millóns de rexistros.

A transición e edición dos documentos galegos da colección diplomática Santa María de Oia, a elaboración e desenvolvemento do Xelmírez: Corpus romance da Galicia medieval e o mantemento do Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega, son outros dos cometidos asignados ao ILG no documento subscrito este xoves en San Xerome.

Obras e coleccións

Ao amparo do convenio tamén se contempla continuar incrementando a base textual coa incorporación de novas obras e coleccións documentais. Estes traballos consistirán na revisión, corrección, análise onomástica, análise gramatical das locucións e etiquetaxe de obras romances da Galiza medieval que quedaron pendentes de 2008; o inserimento de obras, maiormente notariais que foron aparecendo recentemente; e o axeitamento dos textos aos estándares do procesamento informática na rede.

A USC tamén dará un novo paso no desenvolvemento do Arquivo do Galego Oral coa clasificación temática do material recollido e coa implementación dunha ferramenta para ter acceso a través da web a unha escolma do textos do arquivo.

Nova tirada de aquí

Sem comentários:

Enviar um comentário