quinta-feira, 21 de janeiro de 2010

Así foi a cobertura, en diferentes medios de comunicación, da folga e da manifestación de hoxe.

Mirade como inflúe a ideoloxía á hora de dar unha noticia coma esta. Puxen estes exemplos, pero podería colocar máis. Tamén vós podedes colaborar engadindo enlaces para esta mesma noticia noutros medios de comunicación:

- A Galega: http://esseestranhosilencio.blogspot.com/2010/01/cobertura-da-manifestacion-e-da-folga.html

- Vieiros: http://www.vieiros.com/nova/77981/ducias-de-milleiros-de-persoas-toman-compostela-para-defenderen-a-lingua

- A Nosa Terra: http://www.anosaterra.org/nova/40483/queremos-galego-enche-o-obradoiro.html

- Gznación: http://www.gznacion.com/web/noticia.php?id_noticia=16604&id_cat=5

- A Peneira dixital: http://www.apeneira.com/dixital/content/view/1526/232/

- Galicia Hoxe: http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=166&idNoticia=508398

- La Voz de Galicia: http://www.lavozdegalicia.es/galicia/2010/01/21/00031264070551097824596.htm

- El correo gallego: http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/movilizacion-multitudinaria-santiago-decretazo-gallego-ensenanza/idEdicion-2010-01-21/idNoticia-508210/

- El país: http://www.elpais.com/articulo/espana/Decenas/miles/manifestantes/colapsan/centro/Santiago/elpepuesp/20100121elpepunac_8/Tes

- Público: http://www.publico.es/espana/287570/huelga/ensino/ensenanza/galicia/decretazo/gallego/feijoo/manifestacion

- Elmundo.es: http://www.elmundo.es/elmundo/2010/01/21/espana/1264093827.html

- Libertad digital: http://www.libertaddigital.com/sociedad/carteles-amenazantes-contra-gloria-lago-en-una-manifestacion-nacionalista-1276382167/

Cobertura da manifestación e da folga de hoxe na Galega

Primeira parte
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


Segunda parte
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Tercerira parte
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Cuarta parte
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Quinta parte
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

terça-feira, 8 de dezembro de 2009

Boloña na Universidade

Na seguinte ligazón poderedes ver, dentro do programa Reporteiros do Sábado 5 de Decembro, a reportaxe titulada: "Boloña na Universidade". A mesma comeza a partir dos 24 minutos e 50 segundos, máis ou menos.

http://crtvg.es/reproductor/inicio.asp?canal=tele&hora=08/12/2009%2015:18:50&fecha=05/12/2009&arquivo=1&programa=REPORTEIROS&id_programa=660

quarta-feira, 18 de novembro de 2009

«A universidade está nunha caída estrepitosa»

Afirma que a evolución desta institución derivou en que se está a gobernar ao servizo do profesorado

No momento máis oportuno. Así chega o novo libro do catedrático de Historia Antiga da USC José Carlos Bermejo, La fábrica de la ignorancia: La universidad del «como si», que critica a actual situación das universidades, sobre todo el clave de goberno. De feito, o seu prólogo deixa claro que o proceso de desenvolvemento das institucións universitarias é practicamente irreformable, e quedan «secuestradas por parte de sus profesores y de su personal administrativo». Todo, a un meses dun proceso electoral para o que xa se postulan un total de 12 posibles candidatos a reitor. Onte, o libro presentouse na Facultade de Ciencias da Educación, un acto que derivou finalmente nun debate sobre o actual estado da Universidade moderado polo profesor Alfonso García Tobío.

-¿Como xorde a idea de escribir un libro que critica tan duramente o sistema universitario?

-A idea deriva doutro libro que escribín antes, La aurora de los enanos. Repásase a evolución histórica da universidade dende o franquismo, como foi mellorando en recursos e medios ata chegar á situación actual de caída co proceso Bolonia, a investigación ou o mercado.

-Os gobernantes louvan a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior.

-O Plan Bolonia non é máis que unha adaptación de módulos de créditos. O discurso que se fai é baleiro, como o dos políticos actuais. Fálase de mellorar a docencia e a investigación, pero non se poñen medios para levalo a cabo. Só hai unha diferenza entre a palabra e o que se fai logo, que non ten nada que ver.

-Tampouco está de acordo co modelo investigador vixente na actualidade.

-Chegouse a un sistema no que só conta o número de traballos que se publican, sen atender á súa calidade e así financiar a todos.

-¿Pódese frear a caída da universidade da que fala no libro?

-Hai que cambiar os gobernantes políticos da universidade, porque estamos ante un proceso de caída estrepitoso. Ao final, vaise levar a cabo unha reconversión industrial da universidade, porque o que non ten sentido é ter varias facultades de Química ou de Historia e que estean baleiras de alumnos. Non se poden levar a cabo iniciativas e gobernar só ao servizo dos profesores universitarios e non en beneficio de todos.

-Tamén se fala de que a universidade deixou de ser unha institución que educaba para a vida para converterse nunha máquina de facer títulos.

-É certo, trátase do discurso das competencias. Esa evolución só levou a empobrecer o ensino dos estudantes. A actual formulación da universidade é irreal nun país onde non hai correlación entre o número de estudantes e os postos de traballo que os agardan. En Historia, poucos son os que rematan traballando en algo que ten relación coa súa carreira.

-¿A solución logo é comezar a limitar o acceso á universidade?

-A solución pasa por racionalizar o número de alumnos de cada titulación e cambiar os modos nos que se está a gobernar.

Nova tirada de aquí

sexta-feira, 30 de outubro de 2009

Faladoiro do 29/10/2009 onde se debate sobre a situación da Univesidade

Faladoiro é un programa de debate que dirixe e presenta Susana López Carbia e que nesta ocasión reúne aos profesores da Universidade de Santiago: José Luis Barreiro Barreiro, catedrático de Filosofía; José Carlos Bermejo, catedrático de Historia Antiga, e Alfonso García Tobío e Juan Carlos Pardo Pérez, profesores da Facultade de Ciencias da Educación.

Parte 1


Parte 2

«A sociedade civil ten que decidir se o galego morre ou é unha lingua de primeira»

Henrique Monteagudo. Sociolingüista

O sociolingüista e secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, apela á sociedade civil para decidir se o idioma morre ou se é unha lingua de primeira. Onte presentou na Biblioteca Ánxel Casal o libro As razóns do galego. Apelo á cidadanía , editado por Galaxia.

-¿Que aborda nesta obra?

-Reúne intervencións públicas e artigos publicados en distintos medios de comunicación nos últimos tres anos, cos que se pode seguir a polémica arredor da lingua, sobre todo a cuestión da suposta imposición do galego e a política adoptada polo actual goberno da Xunta.

-¿Faino como sociolingüista?

-Non deixo de ser sociolingüista, pero están pensados e escritos para o gran público, porque necesitamos dirixirnos e chegar ás capas máis amplas da sociedade galega para que a cuestión non quede nas mans dos políticos nin decidan por nós.

-¿Cualifica a situación?

-Explico por que me decidín a escribir o libro. O galego está nun dos momentos máis críticos, porque o peor é dar pasos atrás cando se tiña avanzado. Sosteño que sociedade civil ten que decidir se o mete nun baúl para que morra, ou situalo no sitio que lle corresponde, en igualdade co castelán.

-¿Con manifestacións?

-Non só con manifestacións. O importante é que haxa reacción social, que a sociedade civil adopte un papel activo, ten que sentir que o problema de galego como algo propio.

Nova tirada de aquí

segunda-feira, 17 de agosto de 2009

Expertos da USC datan en agosto de 1231 o texto en galego máis antigo

Medievalistas, lingüistas e sociolingüistas aproximan posicións e desisten de propostas anteriores

O 25 de agosto será o 779 aniversario do texto en galego máis antigo, elaborado nese día de 1231. Esta parece ser a data certa, por máis que o seu establecemento non resultou simple e deu lugar a controversias nos últimos anos, con participación de varios especialistas da USC. Non obstante, a recente publicación do estudo A elaboración do galego escrito no período primitivo , de Henrique Monteagudo, docente da USC, quen anteriormente defendeu outra proposta, supón unha importante aproximación que parece permitirá fixar un asunto importante para a cultura do país.

Ese documento de 1231, que se conserva no Archivo Histórico Nacional de Madrid, relata a venda dunha herdade situada en Sequeiros de Borvém por parte do dono, Pedro Salvadores, ao abade do mosteiro de Melón (Ourense).

Outro profesor da USC, José António Souto, defende esa data xa desde o 2003, cando editou o texto nas Actas do 18º Encontro da Associação Portuguesa de Linguistas . Desde ese ano, Souto insistiu en diferentes ocasións e contestou argumentos de expertos que propuñan textos anteriores como o máis antigo. Este profesor reafirmou a súa tese na edición dos documentos galego-portugueses dos séculos XII e XIII que lle editou o ano pasado a Universidade da Coruña, onde reproduce 384 documentos latino-romances, galego-portugueses e galaico-leoneses, que considera os máis antigos. En todos os casos son «escrituras de carácter notarial datadas entre 1139 e 1270», e advirte para os non avisados do «número relativamente importante» de documentos non datos que presentan problemas cronolóxicos.

José António Souto tamén se notabilizou e conseguiu proxección internacional cando aquel mesmo ano 2003 deu a coñecer o documento galego-portugués máis antigo, un pacto entre os irmáns Gomes Pais e Ramiro Pais acordado en 1173 en territorio portugués.

Neste traballo máis recente de Henrique Monteagudo, difundido polo Instituto da Lingua Galega da USC, este coñecido sociolingüista diferenza «escrita heterónoma galego-latina», «escrita semi-heterónoma galego-latina», «escrita semi-autónoma galega», «elaboración da escrita galega autónoma» onde encadra este texto pioneiro de 1251, e finalmente «escrita periférica (galego oriental) e fronteiriza», o que evidencia a complexidade do tema. Monteagudo afirma que hai que tomar de conta dous elementos importantes: por un lado a «autonomización do romanzo fronte ao latín», e por outro «a individuación do galego-portugués fronte a outros romanzos, no noso caso fronte ao leonés e o castelán».

Interese de especialistas

Indica que o texto de 1231 «está redactado integramente en galego, salvo a data e a fórmula de introdución dos confirmantes».

Monteagudo avanza que, xuntamente con Ana Isabel Boullón, tamén docente da Facultade de Filoloxía da USC que se ocupou deste asunto, ten no prelo unha colectánea «de textos do período primitivo que inclúe a totalidade da produción de prosa instrumental en galego anterior a 1256 que chegou a nós, e unha escolla da aparecida entre este último ano e 1260».

Alén de Souto, Monteagudo e Boullón, outros estudosos da USC que teñen publicado traballos nos últimos anos con contributos sobre esta cuestión son Rosario Álvarez, Ramón Lorenzo ou Ricardo Gutiérrez Pichel.

Nova tirada de aquí