quinta-feira, 30 de abril de 2009

A Feira do Libro volve á Alameda sen mudar a súa organización

A Federación de Libreiros atribúe ao cambio de goberno a falta de renovación

Mañá inaugúrase no Paseo Central da Alameda unha nova edición da Feira do Libro, cun pregón da escritora e profesora da USC Teresa Moure e unha oferta de actividades na que destacan as presentación de novas editoriais en galego e castelán e a presenza de autores para asinar as súas obras.

As 17 casetas que abrirán as portas ate o día 10 non van ofrecer moitas novidades, máis aló das que o mundo editorial lles facilita e que aparecerán á vista en todos os mostradores dos libreiros que concorren. A anunciada reestruturación do certame que auguraba o pasado ano a directora da feira, Isabel Ares Suárez, frustrouse porque, como sinalou esta libreira de A Baña na presentación da edición deste ano «pensabamos ofrecer unha transformación substancial, pero o cambio de goberno na Xunta fíxoo inviable». Confían en que poderá ser o ano que vén, e amosou a disposición da Agrupación de Libreiros de Santiago a recibir propostas e ideas de persoas e colectivos.

O que pretenden é transformar a Feira do Libro para facela interactiva coa participación doutros colectivos do mundo da cultura. O espello no que se miran é o da Coruña, que fai coincidir no mes de agosto a súa Feira do Libro coa de artesanía, artistas plásticos e outros certames no mesmo entorno dos Cantóns. Isabel Ares expresou tamén o desexo de conseguir mudar inercias como a de que todas as casetas ofrezan practicamente o mesmo, e acadar o vello desexo de especializalas por temas ou áreas. Nesa liña asegurou que contan con algúns dos libreiros máis importantes da cidade, polo que o seu concurso será determinante para marcar a liña o ano que vén, ademais de conseguir unir esforzos doutros colectivos culturais contando co Concello de Santiago.

Pero este ano a dinámica será a que xa se coñece, coa boa noticia de que á carpa que cubrirá as casetas engádese unha tarima no chan para evitar a lama que se forma sempre que chove, porque as escorrentas non as salva o toldo.

O programa de actos diarios no mesmo recinto da Feira do Libro ofrecerá «actividades densas, pero atraínte», segundo o coordinador técnico da Federación de Libreiros, Antonio Fernández Maira. Destacou os tres recitais con cadanseu acompañamento musical, o primeiro a cargo de Xosé Carlos Caneiro; o segundo con Manuel Rivas de protagonista co seu último libro de poesía; e o terceiro con varios poetas, en colaboración co Pen Club de Galicia.

Nova tirada de aquí

segunda-feira, 27 de abril de 2009

Están reservando a Darío Villanueva para asaltar a alcaldía de Santiago?

Dise, cóntase, rumorease que Alberto Núñez Feijóo foise comer, xa fai un par de semanas, co ex-reitor da USC, Darío Villanueva, para ofrecerlle algo máis que pagar o banquete: a área de Cultura da nova Xunta. Agora coméntase que Villanueva renunciou a ese posto, o que se abriron as especulacións sobre se Núñez Feijóo está reservando a Villanueva para o asalto á alcaldía de Santiago de Compostela.

Que temble Sánchez Bugallo...

Nova tirada de aquí

domingo, 26 de abril de 2009

Quen é o autor do informe das FAES?

H. Vixande. Andrés Freire, un ideólogo de ‘Tan gallego como el gallego’, redactou o texto contra o galego publicado pola Fundación de José María Aznar

'La Paradoja de la normalización del gallego', de FAES

O número 95, correspondente ao mes de abril, da Fundación para el análisis y los estudios sociales (FAES), consiste nun texto titulado “Las paradojas de la "normalización" del gallego” no que se considera o galego “la última extravagancia” na historia de España. O seu autor foi ideólogo de “Tan gallego como el gallego”, organización precursora de Galicia Bilingüe.

A difusión do texto estivo acompañada pola polémica porque reduce á condición de lingua cociñada o galego, que sobreviviu en parte grazas ao “analfabetismo do campesiñado galego”, fronte un castelán cuxa extensión “comezou pronto” como resultado da “reconquista”. As oito páxinas do artigo repiten un argumentario cualificado de “prexuicioso” polos defensores do galego.

O autor deste opúsculo é o profesor de literatura no ensino medio Andrés Freire, quen ademais foi un dos ideólogos de “Tan gallego como el gallego”. Freire admite que “puido haber mala fe por parte das FAES cando publicou o texto o venres [17 de abril], xusto antes da investidura” do novo goberno. Freire asegurou que “me solicitaron o artigo e eu entregueino a semana pasada; fun un pouco inxenuo, aínda que me chocou que houbese tanta presa”.

Andrés Freire foi un dos redactores do primeiro manifesto de “Tan gallego como el gallego”, a organización que posteriormente deu paso a Galicia Bilingüe. O profesor procede da organización “Vigueses por la libertad” debido á súa amizade con Cristina Losada –dirixente desta entidade e xornalista de Libertad Digital de Federico Jiménez Losantos. En representación desta asociación, participou nunha reunión con Alberte Núñez Feixóo días despois de que a ex conselleira do PP Manuela López Besteiro dese a aprobación do PP ao decreto 124/07 de galego no ensino. “O PP detectou malestar e chamou a varias organizacións”, sinala. Tras aquel encontro, nunha reunión posterior, xa sen Feixóo, Freire propuxo redactar o manifesto de “Tan gallego...”. Posteriormente, “Tan gallego...” viviu unha escisión da que naceu Galicia Bilingüe. “A partir de aí xa non participei porque estaba no medio e non quero levarme mal con ninguén”, asegura, aínda que admite que “si asistín a algún dos seus actos, pero coma un cidadán máis”.

Freire tamén formou parte do PP e encargouse das relación do partido coa prensa en Vigo deica a derrota das eleccións xerais do 14 de marzo de 2004. “Xa non son do partido, teño certas afinidades e relacións familiares, pero nada máis”, afirma.

En calquera caso, o artigo representa unha crítica á normalización, “a última extravagancia que atravesa a historia de España”. É dicir, non se trata da reivindicación duns dereitos subxectivamente lesionados, senón de poñer en cuestión a vixencia do galego. “Non tiña mala intención nin pretendo insultar a ninguén”, recalca o autor.

Nova tirada de aquí

sábado, 25 de abril de 2009

Festa multilingüe en Filoloxía

Centos de universitarios celebraron onte o seu acto de licenciatura cunha solemne cerimonia presidida pola vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo - Membros da comunidade docente compostelá apadriñaron as distintas especialidades da nova promoción

A Facultade de Filoloxía convirteuse onte nunha festa multilingüe grazas á cerimonia de licenciatura da última promoción, que congregou a alumnos, profesores e familiares no centro do Campus Norte, e que estivo presidida pola vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo.

O solemne acto contou coa intervención dunha representación dos alumnos, quen recordaron momentos chaves do seu paso pola facultade e algunhas anécdotas, e dos padriños de promoción das distintas especialidades, ademais do decano do centro, Ernesto González.

Así, María José Domínguez Vázquez interveu na cerimonia en calidade de madriña da promoción de Filoloxía Alemá, mentres que Helena de Carlos e José Carracedo fixeron o propio por Filoloxía Clásica.

María Luz Casal e Carlos Valcárcel compartiron a honra de apadriñar á promoción de Filoloxía Románica, mentres que a especialidade de Filoloxía Galega estivo representada por Xosé Manuel Salgado.

Pola súa parte, o profesor Luis Iglesias Feijóo apadriñou a especialidade de Hispánicas, e Patricia Fra e Manuel Míguez a promoción de Filoloxía Inglesa.

A entrega de diplomas puxo o broche de ouro tras a actuación musical a cargo do Grupo Instrumental Siglo XX.

[...]

Nova tirada de aquí

segunda-feira, 20 de abril de 2009

A Faes acusa o Instituto da Lingua de inventarse o vocabulario e de acudir ao portugués

Europa Press. Un documento da "Fundación para el análisis y los estudios sociales (FAES)", presidida polo ex presidente do Goberno José María Aznar, tacha o proceso histórico de normalización do galego de 'experimento' ante o que 'se inmolan a educación, a política cultural, os dereitos individuais e o sentido común.

'La Paradoja de la normalización del gallego', de FAES

Segundo considera o documento, difundido na serie 'Papeis Faes' e elaborado polo filólogo clásico e profesor de Lingua Española e Literatura Andrés Freire, a política de normalización lingüística da Comunidade galega "é a última das extravagancias que atravesa a historia de España".

No documento, recollido por Europa Press, Freire explica que este proceso levado a cabo "nos últimos 30 anos" puxo en dúbida" o "fenómeno de expansión" do castelán que "se converteu na lingua de prestixio" ao longo da Península Ibérica.

"A ignorancia dalgúns e o interese doutros axuntaron esforzos para reverter este proceso de séculos coa escusa de que estamos ante unha anormalidade resultante dun suposto 'imperialismo castelán'", indica Freire. "Esta política, inusitadamente denominada 'normalización' é a última das extravagancias que atravesa a historia de España", sostén.

Así, defende que o proceso de evolución histórica do galego representa a "construción dunha lingua recoñecíbel" a partir dunha "suma de variantes lingüísticas galaicas" cuxa supervivencia débese ao "illamento" de Galiza e ao "analfabetismo do campesiñado galego".

Neolingua

Neste sentido, considera que as tres últimas décadas da historia do galego estiveron marcadas polo "diferencialismo" que, na súa opinión, levou o Instituto da Lingua Galega a "inventarse todo un vocabulario" e a acudir ao portugués ou a "calquera variante lingüística local que difira do castelán".

Devandita evolución, desembocou nunha 'neolingua' "usada para as cerimonias e os actos públicos, pero que se abandona unha vez que as cámaras non enfocan" e que rexeitou trazos característicos da lingua como o seseo ou a gheada "por un vocabulario cambiante e artificioso, repleto de palabras xamais pronunciadas por un galego".

"O pechado acento de aldea foi visto como un trazo lingüístico a desterrar", sentenciou Freire no informe, para recordar que os técnicos da normalización inclináronse por un "castelán de Galicia".

“Loitas fratricidas”

Doutra banda, Freire achaca a culpabilidade de todo este proceso ao nacionalismo "dividido en loitas fratricidas", en referencia á corrente que defende unha norma "propiamente galega" e os que avogan por un achegamento ao portugués.

Así, criticou que as diferentes correntes provocaron "querelas insufríbeis" que "lonxe de acougarse, continúan hoxe escindindo ao nacionalismo galego" nunha "gran batalla intergalaica".

En pleno debate ante a próxima derrogación do Decreto que regula un 50 por cento de materias impartidas en galego por parte do Goberno electo do PPdeG e o abandono das 'Galescolas', o informe nega a existencia de ataques ao galego "salvo nos foros nacionalistas".

Así mesmo, critica que o achegamento do galego á norma do portugués que, segundo comentou o informe, defende o ex vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, suporá que os estudantes galegos "que a penas estudan hoxe en castelán" se atoparon con que as formas lingüísticas que estudaron "desaparecerán algún día".

"Empezaron solicitando o bilingüismo oficial, proseguiron coa discriminación positiva, avanzaron cara á desaparición do castelán como lingua oficial de facto en Galicia, e agora adoiten con que o uso deste pase a ser excepcional, coa escusa do dereito a 'vivir en galego'" –en alusión ao lema da Mesa pola Normalización Lingüística–, sentenza.

A nova está tirada de aquí

sexta-feira, 17 de abril de 2009

"A ausencia de debate sobre Boloña é unha carencia democrática"

Pechou a sesión do xoves da Semana de Filosofía de Pontevedra pedindo "máis tempo" para negociar a aplicación do plan.


"É o momento do debate e non dos expedientes. Iso é o que os estudantes reclaman e o que xa non pode demorarse. Por iso é preciso que nos tomemos o tempo que faga falta antes de que sexa demasiado tarde". A catedrática de Filosofía da Universidad Complutense de Madrid, Montserrat Galcerán, cre que aínda hai tempo para reconducir algúns elementos do Plan Boloña: "É un plan que contén liñas xerais, que se poden aplicar de distinta forma en cada país; por exemplo, pódense cobrar os créditos de máster ao mesmo prezo que os de grado". En calquera caso, Galcerán pide que se atrase a posta en marcha do plan "un ano, para negociar e reconsiderar algúns dos seus puntos".

Galcerán é moi crítica, así mesmo, con que a única resposta do Goberno ás críticas realizadas pola comunidade universitaria sexa unha campaña de comunicación e non a apertura dun debate: "Unha campaña de comunicación supón que as decisións xa están tomadas e son correctas; o que falla é a 'comunicación' ou sexa que aqueles que deben sufrilas estean de acordo con elas; é un procedemento radicalmente tecnocrático e despótico, mentres que abrir un debate implica que se é consciente dos problemas e que se quere resolvelos por medio de acordos, recoñecendo os argumentos das outras partes".

Sobre o novo ministro de Educación, Ángel Gabilondo, ex presidente da Conferencia de Reitores, Galcerán valora que é "un home de universidade e coñece o medio", e cre que cando menos estará máis disposto a abrir un diálogo sobre a aplicación do plan. O propio Gabilondo manifestouse en máis dunha ocasión de forma crítica con Boloña e afirmou, por exemplo, que "non somos adestradores profesionais nin o noso único obxectivo é capacitar para producir". En calquera caso, do que se felicita a catedrática é de que as universidades volvan depender do Ministerio de Educación e non do de Ciencia e Innovación.

A xornada do venres
Montserrat Galceran pechou a sesión do xoves da Semana de Filosofía de Pontevedra, que este venres chega á súa derradeira xornada. Polo Centro Social Caixanova de Pontevedra pasará Pedro Garía Olivos, que ofrecerá a conferencia 'O sistema educativo elitista occidental: adestramento e venda subliminal de valores'; a seguir, chegará a mesa redonda 'Educación en condicións difíciles', con María J. Cortiñas e Eva López e a sesión de clausura a cargo de Marta Harnecker, unha das principais investigadoras e divulgadoras das experiencias de transformación social do continente americano.

Harnecker foi asesora do goberno cubano e na actualidade reside en Venezuela, onde traballa co goberno de Chávez. É autora de máis de 70 libros, o máis coñecido de todos é Os conceptos elementais do materialismo histórico, publicado en 1969, e que conta con 63 edicións. Desde os anos oitenta dedica gran parte do seu tempo a escribir libros sobre as experiencias guerrilleiras de Centroamérica e Colombia, por exemplo Facendo camiño ao andar, que reúne experiencias de varios gobernos locais de participación popular en América Latina. Outra das súas obras máis coñecidas é Facendo posíbel o imposíbel: A Esquerda no Limiar do Século XXI.

Nova tirada de aquí