quarta-feira, 25 de março de 2009

Crise de goberno na USC

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

[Tirado de: http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=78&idNoticia=409364]

Nin tempo nin forma

O reitor acepta a renuncia dos catro vicerreitores de UA que se suman á dimisión de Lourenzo Fernández e buscará persoas "moi comprometidas"

REDACCIÓN . SANTIAGO

O reitor da USC Senén Barro, á dereita, dirixíndose á comparecencia ante os medios para aclarar a dimisión de catro vicerreitores de UA FOTO: Ramón Escudero
O reitor da USC Senén Barro, á dereita, dirixíndose á comparecencia ante os medios para aclarar a dimisión de catro vicerreitores de UA

FOTO: Ramón Escudero

"Hoxe -por onte- presentaron a súa dimisión -os catro vicerreitores de UA-, que aceptei, aínda que con pesar. Respecto da decisión aínda que non a comparta en tempo e forma". Así se manifestou onte o reitor da Universidade de Santiago (USC) ante a renuncia dos catro vicerreitores da plataforma Universidade Aberta (UA), que se sumaron á marcha do vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández, que formalizou o luns a súa dimisión para promover unha candidatura para as eleccións na universidade en 2010.

Senén Barro lamentou "persoal e institucionalmente" a decisión dos seus socios nacionalistas, despois de que UA comunicase a decisión de abandonar o equipo de goberno ao non aceptar o reitor a proposta desta plataforma para substituír a Lourenzo Fernández, que incluía a incorporación de persoas e a reorganización de competencias. "Non era asumible", precisou Barro.

Barro admitiu "disfuncións" cos seus socios de goberno, pero non problemas serios". Ademais, insistiu en que rexeitou a proposta de UA para substituír a Fernández porque "é o reitor quen debe organizar un equipo".

Ao respecto, comentou que, tras a dimisión de Fernández, escoitou ás tres plataformas que apoiaron a súa candidatura en 2006 -Plataforma Universitaria Progresista (PUP), UA e Converxencia Universitaria (CU)-. "UA dixo que non pretendía romper o pacto e a PUP criticou a medida do vicerreitor por unilateral e por desestabilizar o goberno nun momento delicado", sinalou.

"Era algo non desexado por min e sentido", reiterou e engadiu que quedou "sorprendido" pola decisión de Lourenzo Fernández, xa que "foi unha desagradable sorpresa. Sinto moito que a decisión de Lourenzo Prieto levase a este punto", agregou.

Barro agradeceu o traballo que realizaron nestes tres anos no equipo de goberno, pero lamenta que esta renuncia supón deixar desatendidas "importantes áreas", polo que o titular de Fonseca anunciou que configurará un novo goberno "crible e sólido" para o que resta de lexislatura e recalcou que garante a gobernabilidade na universidade.

"Non se trata de saír do paso", senón de "facer unha reorganización profunda. Reestruturarei competencias e incorporarei persoas novas", matizou. Barro puntualizou que "non necesariamente" ten que manter o número de vicerreitorías actual. "Non vou mirar etiquetas e non aceptarei nomes de ningunha plataforma porque si", garantiu. "Teño as mans libres", sostivo, en relación á configuración do novo goberno e recalcou que traballará sen presións, "non guiado por suxestións de ningunha plataforma". "Buscarei homes e mulleres, persoas moi comprometidas, que teñan capacidade", defendeu e ratificou a súa intención de configurar o novo equipo "no menor tempo posible". Ademais, dixo que "as primeiras medidas de reorganización de responsabilidades van ser rápidas". "Vou formar un novo equipo, formado por persoas de prestixio e comprometidas, con persoas da universidade", aseverou, e trasladou o obxectivo de mellorar "a eficacia e a eficiencia" e afrontar os novos retos, centrados no financiamento universitario, na adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior e no desenvolvemento de infraestruturas.

Non obstante, recoñeceu que aínda non ten pensado o novo equipo. "Pretendo ser áxil e rápido, pero non tanto", precisou.

Torres: "Culmina unha longa cadea de desencontros"

O demisionario vicerreitor de Cultura, Elías Torres, dixo que esta decisión veu propiciada pola "negativa" do reitor a remudar ó ata a semana pasada vicerreitor de Relacións Institucionais Lorenzo Fernández Prieto. "A reacción excluente da Plataforma Universitaria Progresista e a consecuente negativa do reitor a remudar a Fernández Prieto por un membro de Universidade Aberta, supón unha ruptura do acordo programático e culmina unha longa cadea de desencontros e unilateralidade que fai xa imposible a nosa continuidade", dixo.

Torres compareceu onte á tarde xunto ós outros tres vicerreitores que tamén renunciaron: Dores Domínguez, vicerreitora de profesorado; Xoán Carlos Carreira, vicerreitor de Infraestruturas, e Celia Besteiro, vicerreitora adxunta de Infraestruturas, para explicar a decisión adoptada.

Sobre a oposición que van exercer os membros da USC dimisionarios, o ex vicerreitor de Cultura sinalou que será "programática" e "sobre os pronunciamentos que sempre fixo Universidade Aberta". Torres anunciou ademais que nas próximas eleccións nas que se elixirá o reitor da USC promoverán unha candidatura "que non será a de Universidade Aberta en exclusiva", senón que contará "cos máximos apoios e na que ninguén se sinta excluído".

En xullo do ano pasado, Universidade Aberta aireara nun manifesto os seus reproches ó reitor. Tras dous anos de coalición para rexer Fonseca facía un balance do pacto de goberno "manifestamente mellorábel" e criticaban "as decisións non acordadas e mesmo arbitrarias" No fondo do malestar estaba a xestión da Vicerreitoría de Investigación, de María José Alonso, en temas como a distribución de fondos Feder para a compra de equipamento e o repartimento de prazas dos programas de contratación Ramón y Cajal e Parga Pondal, que ó seu ver moitas delas foron parar a áreas con exceso de profesorado en ciencias experimentais e da saúde. Tamén criticaban o Vicerreitorado de Oferta Docente, de Máximo Plo, pola "improvisación" de pautas para adaptar as titulacións a Boloña. A resposta de Barro foi contundente: "Hai dúas portas abertas, a do meu despacho para dialogar e a de saída. E o diálogo non se fai a través de comunicados". Tres meses despois, en outubro, coa crise pairando, os socios nacionalistas aparcaron os reproches e pecharon filas co reitor na demanda dun novo plan de financiamento no SUG." Hai un asunto superior, as dificultades sempre unen", dixera daquela Fernández Prieto.
  • AS FRASES
Elías Torres

"Para Universidade Aberta esta é unha decisión dolorosa, moi dolorosa. Fixemos todos os esforzos posibles de reorientación dun rumbo que consideramos equivocado".

Sem comentários:

Enviar um comentário