As 17 casetas que abrirán as portas ate o día 10 non van ofrecer moitas novidades, máis aló das que o mundo editorial lles facilita e que aparecerán á vista en todos os mostradores dos libreiros que concorren. A anunciada reestruturación do certame que auguraba o pasado ano a directora da feira, Isabel Ares Suárez, frustrouse porque, como sinalou esta libreira de A Baña na presentación da edición deste ano «pensabamos ofrecer unha transformación substancial, pero o cambio de goberno na Xunta fíxoo inviable». Confían en que poderá ser o ano que vén, e amosou a disposición da Agrupación de Libreiros de Santiago a recibir propostas e ideas de persoas e colectivos.
O que pretenden é transformar a Feira do Libro para facela interactiva coa participación doutros colectivos do mundo da cultura. O espello no que se miran é o da Coruña, que fai coincidir no mes de agosto a súa Feira do Libro coa de artesanía, artistas plásticos e outros certames no mesmo entorno dos Cantóns. Isabel Ares expresou tamén o desexo de conseguir mudar inercias como a de que todas as casetas ofrezan practicamente o mesmo, e acadar o vello desexo de especializalas por temas ou áreas. Nesa liña asegurou que contan con algúns dos libreiros máis importantes da cidade, polo que o seu concurso será determinante para marcar a liña o ano que vén, ademais de conseguir unir esforzos doutros colectivos culturais contando co Concello de Santiago.
Pero este ano a dinámica será a que xa se coñece, coa boa noticia de que á carpa que cubrirá as casetas engádese unha tarima no chan para evitar a lama que se forma sempre que chove, porque as escorrentas non as salva o toldo.
O programa de actos diarios no mesmo recinto da Feira do Libro ofrecerá «actividades densas, pero atraínte», segundo o coordinador técnico da Federación de Libreiros, Antonio Fernández Maira. Destacou os tres recitais con cadanseu acompañamento musical, o primeiro a cargo de Xosé Carlos Caneiro; o segundo con Manuel Rivas de protagonista co seu último libro de poesía; e o terceiro con varios poetas, en colaboración co Pen Club de Galicia.
Nova tirada de aquí