quinta-feira, 23 de julho de 2009

A USC e Política Lingüística renovan a súa colaboración no ILG

Redacción. A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a secretaría xeral de Política Lingüística acaban de dar continuidade ao convenio de colaboración que, de xeito ininterrompido dende o ano 1994, apoia o labor investigador desenvolvido polo Instituto da Lingua Galega da institución académica compostelá (ILG).

O acordo quedou formalizado nun acto no que interviñeron o reitor da USC, Senén Barro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que estiveron acompañados pola directora do ILG, Rosario Álvarez.

Deste xeito, a USC continuará a traballar a través do ILG na elaboración do novos volumes do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) e paralelamente coa corrección e mantemento da base de datos informática dos materiais extraídos dos seus cuestionarios. Tamén se concluirá o traballo de preparación de materiais do ALGa para incorporar á páxina web do ILG. Neste senso, tanto o ficheiro lexicográfico como os cadernos do Atlas son na actualidade unha fonte de información imprescindible para calquera traballo sobre gramática e léxico.

Léxico

Durante este ano rematarase ademais o volume correspondente a Ser humano II e continuarase coa elaboración dos seguintes volumes correspondentes á parte de léxico e cos traballos de corrección e mantemento da base de datos informática.

En virtude deste mesmo convenio, a universidade compostelá continuará coa elaboración e actualización da base de datos lexicográfica e ao mantemento do Tesouro Informatizado da Lingua Galega. Así, durante este ano, se prevén incorporar novos textos á base, ao redor de 650.000 palabras, e rematar a transferencia á linguaxe XML dos arquivos textuais, complementando o conxunto co deseño de novas aplicacións de busca para axilizar as consultas realizadas a través da páxina web.

Dicionario

Até o momento, o ILG xa ten realizada a recolleita dun corpus lexicográfico, para a elaboración dun dicionario galego, procedente do baleirado de textos galegos de máis de 1.000 obras producidas dende a etapa do pre-Rexurdimento até a actualidade. A base de datos xerada aproxímase aos trece millóns de rexistros.

A transición e edición dos documentos galegos da colección diplomática Santa María de Oia, a elaboración e desenvolvemento do Xelmírez: Corpus romance da Galicia medieval e o mantemento do Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega, son outros dos cometidos asignados ao ILG no documento subscrito este xoves en San Xerome.

Obras e coleccións

Ao amparo do convenio tamén se contempla continuar incrementando a base textual coa incorporación de novas obras e coleccións documentais. Estes traballos consistirán na revisión, corrección, análise onomástica, análise gramatical das locucións e etiquetaxe de obras romances da Galiza medieval que quedaron pendentes de 2008; o inserimento de obras, maiormente notariais que foron aparecendo recentemente; e o axeitamento dos textos aos estándares do procesamento informática na rede.

A USC tamén dará un novo paso no desenvolvemento do Arquivo do Galego Oral coa clasificación temática do material recollido e coa implementación dunha ferramenta para ter acceso a través da web a unha escolma do textos do arquivo.

Nova tirada de aquí

sexta-feira, 17 de julho de 2009

Estudos galegos, remexemos na hemeroteca: A lingüística hoxe

Achegámosvos o número que inclúe o artigo "Planificación lingüística en Galicia", da autoría do actual secretario xeral de Política Lingüística

Peneiramos a base de datos de Vieiros para achegarvos documentos de interese publicados neste canal. Profesorado e alumnado vencellado á licenciatura de Filoloxía Galega na Universitat de Barcelona: mantivo activo durante ben tempo en Vieiros o Canal Estudos Galegos, a través da Asociación Internacional de Estudos Galegos.

Coincidindo coa novena edición do congreso que organiza este colectivo desde este luns en Santiago, (Ver a información de Vieiros: En galego estamos no mundo ), aproveitamos para recuperar contidos de amplo interese que tiñan sido reclamados por lectores e investigadores e que, por problemas técnicos, quedaran inaccesíbeis. Agora organizámolos para poñelos outra vez ao voso dispor.

Aquí o quinto monográfico, publicado orixinalmente en setembro de 2002:


Monográfico 5 / A LINGÜÍSTICA GALEGA HOXE
Coord. X. L. Regueira (Profesor de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela e Secretario do ILG)
Cando se fala dos estudios de lingüística galega é un lugar común menciona-la súa curta tradición (en comparanza coas grandes linguas romances, nomeadamente español e portugués) e o seu escaso desenvolvemento ata tempos recentes, para a continuación enfatiza-la importantísima expansión destes estudios nos últimos trinta anos. Ler aquí


Entrevista con Johannes Kabatek
Por X. L. Regueira (Do Instituto da Lingua Galega e profesor na Universidade de Santiago de Compostela)
J. Kabatek, profesor na Universidade de Freiburg, é un dos investigadores máis firmes sobre lingüística galega no ámbito alemán. Recentemente atopou a traducción ó galego da Bula Ineffabilis. Ler aquí


O Diccionario de diccionarios
Por Antón Santamarina (Director do ILG, membro da Real Academia Galega, especialista en lexicografía e profesor na Universidade de Santiago de Compostela)
Xa está dispoñible a segunda versión do máis ambicioso proxecto lexicográfico galego. O seu director explica o proxecto e adianta as novidades previstas para as versións 3 e 4. Así mesmo, desde aquí podes ler algúns dos artigos recentes de Antón Santamarina sobre lexicografía dispoñibles na rede. Ler aquí


Planificación lingüística en Galicia
Por Anxo M. Lorenzo Suárez (Profesor de sociolingüística e Director da Área de Normalización Lingüística na Universidade de Vigo)
A planificación lingüística levada a cabo en Galicia tivo un escasa densidade e diversidade debido a unha mestura de motivacións e de causalidades baseadas nas ideoloxías lingüísticas, nos intereses políticos e nas inercias das institucións. Ler aquí


A lingüística histórica galega na actualidade
Por Ramón Mariño Paz (Especialista en gramática histórica, é profesor na Universidade de Santiago de Compostela)
Panorámica das investigacións recentes sobre lingüística histórica, con descrición de liñas de traballo e adianto de proxectos que se acaban de poñer en marcha. Ler aquí


Os estudios de Gramática
Por Francisco Cidrás Escáneo (Especialista en gramática, é profesor de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela)
Repaso crítico ás publicacións de gramática galega, con especial atención ós traballos máis recentes e as revistas galegas de lingüística. Ler aquí


Os estudios de sociolingüística
Por Gabriel Rei-Doval (Lector de galego na University of Birmingham. Recentemente defendeu a súa tese de doutoramento titulada "A Lingua galega no medio urbano, unha visión desde a macrosociolingüística")
Panorámica das correntes, autores, proxectos desenvolvidos e liñas de investigación nos estudios de sociolingüística galega, especialmente desde a década dos oitenta. Ler aquí


A fonética galega: un presente condicionado
Por Sabela Labraña Barrero (Profesora de Filoloxía Galega e Investigadora do Laboratorio de Fonética, na Universitat de Barcelona)
Percorrido polos estudios de Fonética galega. Veremos como os condicionamentos sociopolíticos influíron na orientación de moitos deles e aínda subxacen na actualidade. Exporanse logo os comezos da investigación experimental no ILG e a situación actual. Tamén se fala doutras tecnoloxías de investigación aínda non aplicadas para o galego. Ler aquí


Centros de estudios galegos nas illas británicas
Por David Mackenzie (Profesor na University of Cork, Irlanda)
Historia dos estudios de galego nas universidades do Reino Unido e Irlanda, que conta cun nutrido número de investigadores. Ler aquí
  • Ligazóns
Nova tirada de aquí

Somos ou non somos? A identidade galega que creou a Transición

O grupo Galabra da USC investiga sobre a 'fabricación e socialización de ideas nun sistema cultural emerxente (Galiza, 1968-1982)'.

Os estudos presentados por Cristina Martínez Tejero, Vítor Suárez Diaz, Carlos González Figueiras e Roberto López-Iglésias Samartim parten da hipótese de que é entre 1968 e 1982, un tempo que podemos denominar xenericamente 'Transición Política' ou 'Restauración Borbónica' cando é (re)elaborado un corpus ideolóxico sobre a identidade diferenciada da Galiza en grande medida vixente aínda na actualidade.

Cristina M. Tejero analizou o corpus ideolóxico sustentado polos grupos con maior grao de institucionalización, que liderarán o proceso de transición política inmediatamente posterior e a construción político-cultural do actual réxime autonómico. Pola súa banda, Vítor Suárez Diaz centrou a súa análise na relación entre a identidade nacional e a idea de clase promovida polos grupos da esquerda en 1972, ano das folgas en Ferrol e Vigo e do asasinato de Amador e Daniel pola policía franquista. Finalmente, Carlos Figueiras afondou na construción do discurso identitario realizada polos axentes e grupos do campo cultural galego, e as homoloxías existentes entre eles e os axentes e grupos do campo do poder.

A investigación que leva a cabo o grupo Galabra da USC deita luz sobre un dos períodos máis importantes da historia galega contemporánea, que no entanto está escasamente estudado. Uns anos que crearon ou modelaron en boa medida as institucións e grupos que conforman a estrutura social, política e económica da Galiza actual, así como os discursos simbólicos empregados por todos eles. Uns anos nos que, en palabras de Gerard Imbert, "o cambio nunca ten lugar: ten cabida no discurso mais non nas prácticas; ten valor de intercambio, pero non valor de uso".

Isto produciuse porque os custes económicos e sociais da crise económica dos anos setenta e oitenta foron desigualmente repartidos entre as distintas clases sociais, pois a oposición abandonou moitas das súas reivindicacións na procura dunha pretendida 'paz social' e dun acordo político pilotado polos sectores sociais que xa eran hexemónicos nos últimos anos da ditadura.

Ao remate da exposición dos relatorios, iniciouse un interesante debate no que participaron, entre outros, os profesores Arturo Casas ou Elías Torres Feijó, centrado principalmente no papel que na produción simbólica de discursos na Transición tiveron as voces do exilio, e tamén na diferenza existente entre a importancia real das achegas dos galeguistas históricos (nucleados ao redor de Piñeiro e Galaxia) e a percepción que hoxendía se ten do seu impacto.


Nova tirada de aquí

quarta-feira, 15 de julho de 2009

Salman Rusdhie e Umberto Eco estarán na Coruña en setembro

O encontro reunirá ademais a varios Nóbel, como Orhan Pamuk, Nadine Gordimer ou Wole Soyinka, e a investigadores como Chomsky ou Gubern

A Coruña recibirá entre o 22 e o 26 de setembro a algúns dos pensadores e investigadores máis importantes do momento, que participarán no décimo Congreso Mundial de Semiótica, un evento que ademais conmemorará o 40 aniversario da Asociación Internacional de Estudos de Semiótica, creada por Greimas, Barthes, Jakobson e Umberto Eco. Eco será un dos participantes de máis sona, aínda que a lista de Premios Nóbel é ampla, coa presenza do turco Orhan Pamuk, o nixeriano Wole Soyinka e a sudafricana Nadine Gordimer, así como outros investigadores, como Noam Chomsky e Román Gubern, e escritores, como o autor británico Salman Rushdie.

Espérase que no evento participen máis de mil investigadores de todo o planeta. O congreso terá máis de sesenta sesións vinte en forma de mesas redondas e corenta seccións temáticas, afondando en temas como os imaxinarios urbanos, o discurso das cidades, as artes, a arqueoloxía ou a historia. Tamén se tratarán outros ámbitos, como a semiótica visual, o cinema, a televisión, a biosemiótica, ou a análise do discurso.

Por certo, se alguén está preguntado que é o que estuda exactamente a semiótica, ten que saber que se ocupa dos signos, a súa estrutura e a relación entre o significante e o concepto de significado, é dicir, a base mesma da comunicación e dos mecanismos creados polo home para analizar e explicar a realidade. Entre os investigadores que ao longo da historia se ocuparon do estudo da semiótica están, por exemplo, Umberto Eco, Noam Chomsky, Roland Barthes, Roman Jakobson, Jacques Lacan, Jacques Derrida ou Louis Hjelmslev.

Nova tirada de aquí.

"Falta compromiso na CRTVG na cuestión lingüística"

Ramón Novo, Belén Regueira, Elisa Fernández Rei e Xosé Luís Regueira participaron nunha mesa redonda no Congreso de Estudos Galegos.

A televisión marca o modelo dunha lingua, aquí, en Gales, e tamén en España; "a Academia ten a autoridade, pero a os medios teñen o poder lingüístico", díxose na mesa. Ramón Novo, lingüista da TVG, a xornalista Belén Regueira, e os profesores Elisa Fernández Rei e Xosé Luís Regueira participaron na mesa, na que se falou da corrección do galego empregado nas emisións da canle pública de Galiza e a súa influencia na sociedade, partindo da diagnose de que a lingua empregada está lonxe de ser aceptábel, principalmente pola transposición de estruturas do castelán e a ausencia en moitos locutores dun galego xenuíno (pobreza fonética, prosodia incorrecta...), aínda que os participantes concordaron en que "non hai un 'galego da TVG', senón que hai moitos distintos

Belén Regueira lembrou a necesidade de fixar un modelo de lingua para a televisión, pola importancia que ten para a sociedade. Este modelo, para a xornalista, debe ser "correcto, xenuíno, claro, eficaz e flexíbel para as distintas situacións de comunicación que se producen nun medio de masas". Regueira falou claro e falou ben, dixo que na CRTVG "falta compromiso na cuestión lingüística" e explicou que "até hai tres anos non houbo servizo de planificación lingüística, e agora está transferido". Así mesmo, reclamou a redacción dun libro de estilo que sirva de referencia para todos os medios e falantes, cumprindo o mesmo papel dos libros de estilo da Axencia Efe para o castelán e do da TV3 para o catalán.

Tamén incidiu noutros factores que fan que a lingua empregada na TVG, sobre todo en programas e informativos, non sexa tan correcta e natural como debería. Entre eles, o feito de que a primeira lingua de traballo da CRTVG (tanto nas relacións internas como nas externas) sexa o castelán, ou que a meirande parte do traballo que os lingüístas teñen cos xornalistas sexa sobre a lingus escrita e non sobre a falada. Regueira tamén fixo autocrítica e recoñeceu que entre os redactores o nivel de autoesixencia non é o necesario.

Belen Regueira fixo autocrítica, pero as críticas máis duras contra os xornalistas chegaron dende a banda dos lingüistas, que denunciaron a pobreza do galego de moitos dos locutores da TVG e tamén o uso de prosodias extrañas ao galego, froito da repetición de modelos de locución empregados en televisións doutros países, comezando polas canles españolas. Reclamaron que existan "criterios unívocos no referido á lingua" na contratación de xornalistas na CRTVG, e que se sitúe en postos de maior relevancia (máis tempo en cámara, en horarios de máis audiencia, na presentación dos informativos...) ás persoas que teñan un galego máis correcto e xenuíno e que poidan ser un referente lingüístico. Así mesmo, solicitáronlle á Facultade de Xornalismo da USC que "oriente aos alumnos nun modelo de locución axeitado e galego".

Consulta aquí o programa completo do Congreso de Estudos Galegos

Nova tirada de aquí