sexta-feira, 12 de junho de 2009

O Departamento de Galego da USC esíxelle a Feijoo que garanta a presenza do idioma

Nunha carta remitida ao presidente, o profesorado de Filoloxía critica abertamente a política lingüística do Goberno e pídelle un cambio urxente de rumbo


O mundo universitario tampouco é alleo á derrogación do decreto. Este mesmo venres, o Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela envioulle unha carta ao presidente da Xunta para manifestarlle a súa fonda preocupación “polas medidas adoptadas ou anunciadas pola Xunta” referentes á lingua galega.

O texto, aprobado por unanimidade, é abertamente crítico coa actitude do Goberno que “sen dúbida está a ter un impacto moi negativo sobre a situación da lingua, que se encontra xa nun grave proceso de retroceso social”. O profesorado de Filoloxía Galega cuestiona a enquisa que prepara a Consellaría de Educación.

A carta insta ao presidente do Goberno a que, cumprindo a lexislación vixente, tome medidas que “aseguren unha presenza importante da lingua galega no ensino, que garantan o dereito dos cidadáns a ser atendidos en galego nas súas relacións coa administración, que eviten a discriminación laboral por usar a lingua galega, e que a leven a ter unha presenza relevante nos medios de comunicación e noutros ámbitos sociais, de xeito que sexa posible vivir en galego, como di un dos obxectivos xerais do Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004”.

Segundo puido saber Vieiros, os departamentos das outras dúas universidades do país preparan textos similares aos asinados polos seus compañeiros de Compostela que se darán a coñecer a vindeira semana.


Ofrecémoslle o texto íntegro aprobado polo Departamento de Filoloxía Galega da USC:

O Consello de Departamento de Filoloxía Galega da USC acordou, en reunión que tivo lugar o día 11 de xuño de 2009 na Facultade de Filoloxía, dirixir o seguinte escrito ao Excmo. Sr. Presidente da Xunta de Galicia, e remitir copias á Excma. Sra. Presidenta do Parlamento galego, ao Excmo. Sr. Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e ao Sr. Secretario Xeral de Política Lingüística:

O Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela quere facerlle chegar a súa fonda preocupación pola situación da lingua galega, e en particular polas medidas adoptadas ou anunciadas pola Xunta de Galicia, encamiñadas a desprotexela na función pública e no ensino non universitario, por primeira vez desde a recuperación da democracia, a pesar de estar obrigada pola Lei de Normalización Lingüística a promover de maneira progresiva o seu uso normal de maneira específica neste ámbitos. Con estas medidas, e coas reiteradas declaracións de membros do goberno galego, estáselle transmitindo á cidadanía a idea de que a lingua galega non é nin necesaria nin útil e estanse a reforzar os vellos prexuízos lingüísticos, o que sen dúbida está a ter un impacto moi negativo sobre a situación da lingua, que se encontra xa nun proceso de grave retroceso social.

No tocante ao ensino non universitario, este Departamento considera que a Xunta de Galicia incorre nunha grave responsabilidade ao trasladarlles aos pais e nais decisións que lles corresponden aos poderes públicos, colocando a lingua galega como motivo de división social e creando un conflito que non existía ata o de agora, ademais de poñer en evidente risco o mandato tanto da Lei de Normalización Lingüística coma da Ley Orgánica de Educación de que os alumnos acaden unha competencia lingüística elevada por igual en galego e en castelán.

De acordo coa lexislación vixente, e conforme co seu carácter de lingua oficial de Galicia (xunto co castelán), instamos a que o goberno da Xunta de Galicia tome medidas que aseguren unha presenza importante da lingua galega no ensino, que garantan o dereito dos cidadáns a ser atendidos en galego nas súas relacións coa administración, que eviten a discriminación laboral por usar a lingua galega, e que a leven a ter unha presenza relevante nos medios de comunicación e noutros ámbitos sociais, de maneira que sexa posible vivir en galego, como di un dos obxectivos xerais do Plan de Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en 2004. Animamos tamén ao goberno da Xunta a que xere un clima positivo cara á lingua galega que atenúe e desfaga os prexuízos que contra ela existen aínda na nosa sociedade, como se puxo abertamente de manifesto nos últimos meses.

A lingua galega é unha riqueza e un patrimonio de todos os galegos, calquera que sexa a lingua que falen, parte fundamental do recoñecemento de Galicia como comunidade histórica, e pode ser unha ferramenta de futuro para a nosa sociedade se queremos e sabemos utilizala e desenvolvela. É responsabilidade de todos. E, en primeiro lugar, do Goberno galego, que Vde. preside.

A noticia está tirada de aquí

quinta-feira, 11 de junho de 2009

Chega Blukk: O acceso ao coñecemento universal sen pasar por Madrid

Permite acceder dende Galiza a máis de dous millóns de obras en portugués.


Blukk é un portal que permite acceder a varios millóns de libros e e-books en portugués publicados en calquera lugar do planeta, de xeito sinxelo e de balde. Concíbese para dar servizo aos usuarios galegos, e incorpora recursos de lingua, diccionarios, e o acceso ás webs das tres universidades do país, as bibliotecas de Galiza, as de Portugal e outros portais, como Europeana.

Nace dirixido especialmente a estudantes e investigadores, e os creadores do portal indican que en proximas versións se ampliará o ámbito de actuación do portal a outros países, alén de Galiza.

Entra aquí en Blukk

Nova tirada de aquí

quarta-feira, 27 de maio de 2009

A primeira revista electrónica da USC difundirá o estudo da lingua

A publicación pódese consultar libremente na web do ILG, aínda que tamén se imprimiron 300 exemplares para a súa conservación e intercambio bibliotecario

O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentou esta cuarta feira a súa primeira revista dixital, Estudos de Lingüística Galega. O paso de dispoñibilizar esta publicación na rede responde ao interese do ILG en facer chegar a investigación científica e filolóxica sobre a lingua instantaneamente a todo o mundo, mesmo a persoas que non coñecían a existencia do idioma galego.

Segundo explicou a directora do ILG e da revista, Rosario Álvarez, a revista está "aberta a ampliar a nómina de investigadores e investigadoras que estudan directa ou indirectamente o galego", e vén complementar as outras publicacións que existían sobre o mesmo tema, ao tempo que ocupa un espazo "complementario e integrador". O seu afán universalizador reflíctese en que dous terzos do seu comité de redacción están formados por persoas alleas ao ILG.

O director académico do Servizo de Publicacións e Intercambio científico da USC, Antonio Azaustre, afirmou que "a difusión do coñecemento está condenada a ser por vía electrónica", pero que a conservación dese material "pódese facer en papel". De feito, tiráronse 300 exemplares en formato físico, fundamentalmente para o intercambio bibliotecario entre as distintas universidades do mundo.

Segundo o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, o feito de sacar a revista en formato electrónico foi un "esforzo que lles vai facilitar o traballo ás que veñan detrás", e salientou a "valentía" de lanzar unha publicación coa "ambición de ser revista de referencia", porque "hoxe non paga a pena saír cunha revista que pretenda ser unha máis".

A parte dixital de ELG pódese consultar na web do ILG, por seccións e por artigos, cada un deles con cadanseu resumo en formato texto. Ademais, cada un dos traballos publicados pódese descargar en formato PDF, así como a revista completa, de 297 páxinas. Tamén é posíbel subscribirse aos volumes que vaian saíndo mediante unha semente RSS ou por medio de avisos por correo electrónico. A consulta é aberta e gratuíta, precisamente para cumprir co seu obxectivo de difusión universal.

Nova tirada de aquí

quarta-feira, 20 de maio de 2009

ATAQUE DESCARNADO CONTRA À LÍNGUA DA GALIZA e os nossos direitos e identidade: muito importante, difundide por todo lado, movimentai ao pessoal

Difundide, ademais o ataque fai-se com a bençom do novo Director Geral de Política Linguística.

eis o ataque: UM ANTEPROJECTO DE LEI -A TODA PRESA-, que resposta a demonstraçom cívica do domingo, tirando qualquer exigência e obrigatoriedade ao galego
(A Lei e artigo que emendam foi votado polo PP unanimemente incluído Feijó o ano passado)

Convoca-se Mesa Geral de Negociaçom de Empregados Públicos, para a sexta dia 22, ás 11:30, na sede da EGAP no polígono de Fontinhas.

O ponto único da ordem do dia é informe do anteprojecto da lei de reforma da lei da Función Pública

http://www.xunta.es/dog/Dog2008.nsf/0e5fb445f3681a75c1257251004b10d7/9ec54f6e14fd9e43c1257466004b8d36/$FILE/11400D001P007.PDF

polo que modifica o artigo 35 da Lei, é dizer o pequeníssimo esforço de saberem os funcionários algo de língua galega, entenderem um test. Redigindo no ante-projecto de reforma banindo qualquer OBRIGATORIEDADE sobre o galego com uma proposta que nom é o velho artigo 33 da Lei Fraga e sim o programa da extrema direita fascista espanhola - COPE

Este primeiro ataque, muito grave, merece uma resposta social contundente,

A isso das 20 horas, o documento que vai à Mesa Geral vai estar em
http://autonomica.cigadmon.org

A proposta vai contra a carta europeia das línguas minorizadas e os nossos direitos linguísticos
http://www.pglingua.org/index.php?option=com_content&view=article&id=408:legislacom-sobre-a-lingua-galega-num-unico-documento&catid=18:legislacom&Itemid=50
Alexandre

sexta-feira, 15 de maio de 2009

Faladoiro do 12/05/2009 onde se debate sobre a situación actual da lingua e da literatura galega

Faladoiro é un programa de debate que dirixe e presenta Susana López Carbia e que nesta ocasión reúne á crítica literaria Dolores Vilavedra e aos escritores Rosa Aneiros, Xurxo Borrazás e Mario Regueira

Parte 1


Parte 2

quinta-feira, 14 de maio de 2009

O filólogo vigués Anxo Lorenzo será o novo responsábel de Política Lingüística

A súa fichaxe causa certa sorpresa xa que está considerado un home próximo ao PSdeG.

Núñez Feijoo agochou a baza até o último momento. Mais este xoves o Consello da Xunta desvelou o nome dun dos altos cargos máis agardados: Anxo Lorenzo. Este profesor da Universidade de Vigo será o novo secretario xeral de Política Lingüística. A súa designación, que adianta este xoves El País, causou sorpresa entre os seus propios compañeiros, xa que Lorenzo sempre se moveu na órbita do PSdeG. En 2005, foi o encargado de elaborar o programa lingüístico dos socialistas.

Nacido en Vigo en 1964, é un dos máis destacados especialistas en sociolingüista. O seu nome xa estivo enriba da mesa hai catro anos. Sectores do PSdeG presionaban para que fose o novo secretario xeral de Política Lingüística e os nacionalistas non poñían impedimentos. Porén, a última hora, o propio aparato socialista decidiu descartalo e fichar a Marisol López, profesora da Universidade de Santiago. Aínda así, Lorenzo colaborou puntualmente ao longo da lexislatura coa secretaria xeral.

Máis adiante, especulouse coa posibilidade de que presidise o Consorcio de Planificación Lingüística. Porén, Pérez Touriño sempre mantivo no ar a creación do ente.

Un decreto que queima nas mans
Con esta fichaxe, Feijoo quere tender unha ponte coa oposición en materia de Política Lingüística. Logo dunha inaudita campaña contra os procesos de normalización do galego, o PPdeG sabe que a cuestión lingüística pode ser un auténtico crebacabezas político.

Os conservadores prometeron, en aras da “liberdade de elección”, derrogar un decreto de galeguización do ensino que garante que, polo menos, o 50% das materias se impartan no idioma autóctono. Anxo Lorenzo, que dependerá directamente do conselleiro de Educación, vai ser un dos encargados de afrontar a polémica reforma prometida por Feijoo.

Segundo diversas fontes, Feijoo teríase comprometido con Lorenzo a negociar con socialistas e nacionalistas o novo decreto. Nos plans do novo presidente da Xunta estaría establecer un terzo das materias obrigatoriamente en galego. As restantes impartiríanse en castelán e inglés, con certa marxe de elección para os pais dos alumnos.

Unha Oficina para o Galego Exterior?
Anxo Lorenzo sempre estivo a prol de que a Xunta tivese máis contacto coas comunidades galegofalantes do exterior. Fontes consultadas por Vieiros consideran que o novo secretario xeral de Política Lingüística leva un proxecto debaixo do brazo: unha Oficina para o Galego Exterior. Este organismo encargaríase de contactar con outras comunidades autónomas para ver de establecer mecanismos de protección para o galego que se fala fóra dos límites administrativos de Galiza.

Se queres ler a nova na súa fonte, preme aquí

sábado, 9 de maio de 2009

Os alumnos critican o maltrato do galego nas facultades

Case o 90% da docencia de Dereito faise en castelán, e o 99% dos exames



Un colectivo de estudantes universitarios denunciou a situación do galego na USC, onde esta lingua está maltratada e apenas forma parte da actividade docente e académica. Os alumnos fixeron esta convocatoria na Facultade de Dereito, por ser esta un dos centros nos que menos uso se fai do idioma do país.

De feito, presentaron algúns datos dun estudo feito polo servizo de normalización lingüística da institución, nos que se reflicte que o castelán é usado na docencia en máis do 87% dos casos, e a metade dos alumnos galegofalantes que inician a licenciatura de dereito na USC, rematan converténdose en castelánfalantes para converxer co idioma maioritario. Ademais, ante as trabas que se impoñen para facilitar exame en galego, só o 1% se acaban facendo nesta lingua.

Os universitarios reivindicaron o seu dereito a vivir e estudar dignamente na súa lingua, polo que instan á USC a que corrixa esa situación «en aras da legalidade e do benestar do conxunto do estudantado». Finalmente, animan aos alumnos que se mobilicen o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Nova tirada de aquí