Mostrar mensagens com a etiqueta Crise. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Crise. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 3 de abril de 2009

O novo Consello de Dirección da USC quedará constituído hoxe

A vicerreitora de Cultura será Elvira Fidalgo e Agustín Merino responsable de Política Internacional

O novo Consello de Dirección da Universidade de Santiago quedará formalmente constituído ás 11 horas de hoxe, nun acto que se celebrará no Salón Nobre do Colexio de Fonseca baixo a atenta mirada de Senén Barro. O reitor fixo públicos onte os nomes dos substitutos de Elias Torres á fronte de Cultura e de Lourenzo Fernández Prieto como vicerreitor de Relacións Institucionais. Serán Elvira Fidalgo e Agustín Merino, respectivamente, aínda que Relacións Institucionais pasará a denominarse Política Internacional.

A estes dous nomeamentos hai que sumar o de Jesús Antonio Casabiell Pintos, que substituirá ao profesor Merino no seu actual cargo, xa que ata agora desempeñaba as funcións de vicerreitor adxunto no campus de Lugo. Ademais, a principios desta semana, Senén Barro facía públicos os nomes dos vicerreitores de Profesorado e Organización Académica, Juan Viaño, e da adxunta lucense ao departamento de Economía, Financiamento e Infraestruturas, Marta Miranda, xa que o reitor aproveitou as dimisións dos membros do consello pertencentes a Universidade Aberta para fusionar as vicerrectorías de Economía e Infraestruturas. Manuel Vázquez Taín quedará á fronte de ambos os departamentos.

A decisión do reitor responde á súa intención de prestar especial atención «aos grandes retos que está a acometer a USC dente dous espazos europeos de Educación Superior e de Investigación»


A noticia está tirada de aquí

sábado, 28 de março de 2009

Continúa a cadea de dimisións nos vicerreitorados da USC que levaba Universidade Aberta

Primeiro vanse as cabezas visibles e despois os cargos posteriores. A profunda remodelación que durante estes días debe levar a cabo o reitor da USC, Senén Barro , deberá incluír tamén aos cargos de confianza dos catro vicerreitores e da vicerreitora adxunta de Universidade Aberta (UA), que dimitiron a principios desta semana.

Polo momento foron sete as dimisións a maiores, entre as que se inclúen Xerardo García Mera, coordinación de programación e execución de infraestruturas do vicerreitorado que dirixía Xoán Carlos Carreira, ou o director do servizo de publicacións, Antonio Azaustre, que depende de Cultura.

En canto á redefinición do equipo de goberno, fontes da institución apuntan aos primeiros días da próxima semana como as datas nas que Senén Barro completará os cambios que debe levar a cabo no seu equipo, tras a dimisión de todos os membros dun dos tres grupos que apoiaron a candidatura do reitor, UA. As outras dúas plataformas de profesorado, PUP e Converxencia Universitaria, manteñen o apoio a Barro , quen aínda ten por diante máis dun ano de mandato.

A noticia está tirada de aquí

quinta-feira, 26 de março de 2009

"Universidade Aberta non rompe o pacto, é o reitor quen o incumpre"

Elías Torres, ex vicerreitor de Cultura, explica as razóns que levaron os membros da corrente nacionalista a dimitir en bloque, a pouco máis dun ano das eleccións.

Este luns, os catro integrantes do colectivo Universidade Aberta (UA, afín ao nacionalismo) que formaban parte do equipo de goberno da USC anunciaron que abandonan os seus cargos de vicerreitores. Unha semana antes fixérao o tamén membro de UA e segundo do Consello de Goberno, o vicerreitor de relacións institucionais Lourenzo Fernández Prieto.

Precisamente, a negativa do reitor Senén Barro (da corrente Plataforma Universitaria Progresista, PUP, afín ao PSOE) a o substituír desencadeou a última dimisión en bloque e o consecuente final do goberno de coalición -do que tamén forma parte con dous representantes Converxencia Universitaria (conservadores)- a pouco máis dun ano das eleccións.

En palabras do dimisionario vicerreitor de Cultura, Elías Torres, foi "a pinga que desborda o copo". Mais o desencontro, de fondo nalgúns temas, viña de antes.

Vieiros: Por que se produce a dimisión?
Elías Torres: É un episodio que culmina unha longa serie. Fernández Prieto dimite para articular unha candidatura. Isto non quere dicir que a vaia encabezar, nin sequera que forme parte dela. Mais o reitor non accede á súa substitución.

Por que?
Non o fai por presións da PUP, que considera que a dimisión de Fernández Prieto supón unha rotura do pacto de goberno. Mais o pacto non fala disto: tempo atrás foron vicerreitores do PUP os que dimitiron, e foron substituídos, e os membros de UA nin sequera nos pronunciamos. O que si está no acordo é que a representación das correntes debe estar equilibrada.

Os críticos con UA falan dunha actitude exclusivamente electoralista de cara a se posicionar para os comicios do ano que vén...
A universidade ten tempos diferentes que outros ámbitos. En calquera caso é lexítimo posicionarse. Precisamente, a dimisión de Fernández Prieto para articular unha candidatura -que insisto, non ten por que liderar nin formar parte dela- prodúcese para evitar suspicacias. O reitor non pode repetir porque esgota os dous mandatos. Nós o que procurábamos era un proceso de transición calmado e transparente.

E non hai unha intención por parte de UA de se desmarcar da acción de goberno destes anos, cualificada dende sectores como 'fallida', de cara ás eleccións...?
Ao contrario. Nós ofrecíamoslle ao reitor unha continuidade, unha estabilidade. En calquera caso, os membros de UA saen do goberno cun gran capital.

A valoración destes anos de goberno é positiva entón?
Hai luces e sombras. Falta cultura de pacto e encontro. Hai tentacións de monopolio. Nós somos un colectivo de PDIs (Persoal Docente e Investigador) que aspiramos a non excluír ninguén, a procurar a excelencia na universidade. As críticas fixéronse sempre primeiro no seo de goberno antes de as facer públicas.

Boloña é un dos puntos negros...
Temos discrepancias no modo de facer a adaptación, mais é un tema controvertido que precisaría dunha análise máis pausada.

E o plan de financiamento das universidades?
Sen dúbida é un dos grandes calcañares de Aquiles. Houbo un incumprimento grave da Xunta. Mais apartamos as diferenzas e puxémonos ao lado do reitor.

Ten visos de solución?
Está por ver a proposta do novo Goberno. Nós defendemos un financiamento estábel que permita colocar a USC e o resto de universidades galegas nos postos que lles corresponden, que lles asegure aos estudantes o acceso ao ensino, e facilite unha investigación de calidade.

Nova tirada de aquí

quarta-feira, 25 de março de 2009

Crise de goberno na USC

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

[Tirado de: http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idMenu=78&idNoticia=409364]

Nin tempo nin forma

O reitor acepta a renuncia dos catro vicerreitores de UA que se suman á dimisión de Lourenzo Fernández e buscará persoas "moi comprometidas"

REDACCIÓN . SANTIAGO

O reitor da USC Senén Barro, á dereita, dirixíndose á comparecencia ante os medios para aclarar a dimisión de catro vicerreitores de UA FOTO: Ramón Escudero
O reitor da USC Senén Barro, á dereita, dirixíndose á comparecencia ante os medios para aclarar a dimisión de catro vicerreitores de UA

FOTO: Ramón Escudero

"Hoxe -por onte- presentaron a súa dimisión -os catro vicerreitores de UA-, que aceptei, aínda que con pesar. Respecto da decisión aínda que non a comparta en tempo e forma". Así se manifestou onte o reitor da Universidade de Santiago (USC) ante a renuncia dos catro vicerreitores da plataforma Universidade Aberta (UA), que se sumaron á marcha do vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández, que formalizou o luns a súa dimisión para promover unha candidatura para as eleccións na universidade en 2010.

Senén Barro lamentou "persoal e institucionalmente" a decisión dos seus socios nacionalistas, despois de que UA comunicase a decisión de abandonar o equipo de goberno ao non aceptar o reitor a proposta desta plataforma para substituír a Lourenzo Fernández, que incluía a incorporación de persoas e a reorganización de competencias. "Non era asumible", precisou Barro.

Barro admitiu "disfuncións" cos seus socios de goberno, pero non problemas serios". Ademais, insistiu en que rexeitou a proposta de UA para substituír a Fernández porque "é o reitor quen debe organizar un equipo".

Ao respecto, comentou que, tras a dimisión de Fernández, escoitou ás tres plataformas que apoiaron a súa candidatura en 2006 -Plataforma Universitaria Progresista (PUP), UA e Converxencia Universitaria (CU)-. "UA dixo que non pretendía romper o pacto e a PUP criticou a medida do vicerreitor por unilateral e por desestabilizar o goberno nun momento delicado", sinalou.

"Era algo non desexado por min e sentido", reiterou e engadiu que quedou "sorprendido" pola decisión de Lourenzo Fernández, xa que "foi unha desagradable sorpresa. Sinto moito que a decisión de Lourenzo Prieto levase a este punto", agregou.

Barro agradeceu o traballo que realizaron nestes tres anos no equipo de goberno, pero lamenta que esta renuncia supón deixar desatendidas "importantes áreas", polo que o titular de Fonseca anunciou que configurará un novo goberno "crible e sólido" para o que resta de lexislatura e recalcou que garante a gobernabilidade na universidade.

"Non se trata de saír do paso", senón de "facer unha reorganización profunda. Reestruturarei competencias e incorporarei persoas novas", matizou. Barro puntualizou que "non necesariamente" ten que manter o número de vicerreitorías actual. "Non vou mirar etiquetas e non aceptarei nomes de ningunha plataforma porque si", garantiu. "Teño as mans libres", sostivo, en relación á configuración do novo goberno e recalcou que traballará sen presións, "non guiado por suxestións de ningunha plataforma". "Buscarei homes e mulleres, persoas moi comprometidas, que teñan capacidade", defendeu e ratificou a súa intención de configurar o novo equipo "no menor tempo posible". Ademais, dixo que "as primeiras medidas de reorganización de responsabilidades van ser rápidas". "Vou formar un novo equipo, formado por persoas de prestixio e comprometidas, con persoas da universidade", aseverou, e trasladou o obxectivo de mellorar "a eficacia e a eficiencia" e afrontar os novos retos, centrados no financiamento universitario, na adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior e no desenvolvemento de infraestruturas.

Non obstante, recoñeceu que aínda non ten pensado o novo equipo. "Pretendo ser áxil e rápido, pero non tanto", precisou.

Torres: "Culmina unha longa cadea de desencontros"

O demisionario vicerreitor de Cultura, Elías Torres, dixo que esta decisión veu propiciada pola "negativa" do reitor a remudar ó ata a semana pasada vicerreitor de Relacións Institucionais Lorenzo Fernández Prieto. "A reacción excluente da Plataforma Universitaria Progresista e a consecuente negativa do reitor a remudar a Fernández Prieto por un membro de Universidade Aberta, supón unha ruptura do acordo programático e culmina unha longa cadea de desencontros e unilateralidade que fai xa imposible a nosa continuidade", dixo.

Torres compareceu onte á tarde xunto ós outros tres vicerreitores que tamén renunciaron: Dores Domínguez, vicerreitora de profesorado; Xoán Carlos Carreira, vicerreitor de Infraestruturas, e Celia Besteiro, vicerreitora adxunta de Infraestruturas, para explicar a decisión adoptada.

Sobre a oposición que van exercer os membros da USC dimisionarios, o ex vicerreitor de Cultura sinalou que será "programática" e "sobre os pronunciamentos que sempre fixo Universidade Aberta". Torres anunciou ademais que nas próximas eleccións nas que se elixirá o reitor da USC promoverán unha candidatura "que non será a de Universidade Aberta en exclusiva", senón que contará "cos máximos apoios e na que ninguén se sinta excluído".

En xullo do ano pasado, Universidade Aberta aireara nun manifesto os seus reproches ó reitor. Tras dous anos de coalición para rexer Fonseca facía un balance do pacto de goberno "manifestamente mellorábel" e criticaban "as decisións non acordadas e mesmo arbitrarias" No fondo do malestar estaba a xestión da Vicerreitoría de Investigación, de María José Alonso, en temas como a distribución de fondos Feder para a compra de equipamento e o repartimento de prazas dos programas de contratación Ramón y Cajal e Parga Pondal, que ó seu ver moitas delas foron parar a áreas con exceso de profesorado en ciencias experimentais e da saúde. Tamén criticaban o Vicerreitorado de Oferta Docente, de Máximo Plo, pola "improvisación" de pautas para adaptar as titulacións a Boloña. A resposta de Barro foi contundente: "Hai dúas portas abertas, a do meu despacho para dialogar e a de saída. E o diálogo non se fai a través de comunicados". Tres meses despois, en outubro, coa crise pairando, os socios nacionalistas aparcaron os reproches e pecharon filas co reitor na demanda dun novo plan de financiamento no SUG." Hai un asunto superior, as dificultades sempre unen", dixera daquela Fernández Prieto.
  • AS FRASES
Elías Torres

"Para Universidade Aberta esta é unha decisión dolorosa, moi dolorosa. Fixemos todos os esforzos posibles de reorientación dun rumbo que consideramos equivocado".