Mostrar mensagens com a etiqueta Henrique Monteagudo. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Henrique Monteagudo. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, 30 de outubro de 2009

«A sociedade civil ten que decidir se o galego morre ou é unha lingua de primeira»

Henrique Monteagudo. Sociolingüista

O sociolingüista e secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, apela á sociedade civil para decidir se o idioma morre ou se é unha lingua de primeira. Onte presentou na Biblioteca Ánxel Casal o libro As razóns do galego. Apelo á cidadanía , editado por Galaxia.

-¿Que aborda nesta obra?

-Reúne intervencións públicas e artigos publicados en distintos medios de comunicación nos últimos tres anos, cos que se pode seguir a polémica arredor da lingua, sobre todo a cuestión da suposta imposición do galego e a política adoptada polo actual goberno da Xunta.

-¿Faino como sociolingüista?

-Non deixo de ser sociolingüista, pero están pensados e escritos para o gran público, porque necesitamos dirixirnos e chegar ás capas máis amplas da sociedade galega para que a cuestión non quede nas mans dos políticos nin decidan por nós.

-¿Cualifica a situación?

-Explico por que me decidín a escribir o libro. O galego está nun dos momentos máis críticos, porque o peor é dar pasos atrás cando se tiña avanzado. Sosteño que sociedade civil ten que decidir se o mete nun baúl para que morra, ou situalo no sitio que lle corresponde, en igualdade co castelán.

-¿Con manifestacións?

-Non só con manifestacións. O importante é que haxa reacción social, que a sociedade civil adopte un papel activo, ten que sentir que o problema de galego como algo propio.

Nova tirada de aquí

segunda-feira, 17 de agosto de 2009

Expertos da USC datan en agosto de 1231 o texto en galego máis antigo

Medievalistas, lingüistas e sociolingüistas aproximan posicións e desisten de propostas anteriores

O 25 de agosto será o 779 aniversario do texto en galego máis antigo, elaborado nese día de 1231. Esta parece ser a data certa, por máis que o seu establecemento non resultou simple e deu lugar a controversias nos últimos anos, con participación de varios especialistas da USC. Non obstante, a recente publicación do estudo A elaboración do galego escrito no período primitivo , de Henrique Monteagudo, docente da USC, quen anteriormente defendeu outra proposta, supón unha importante aproximación que parece permitirá fixar un asunto importante para a cultura do país.

Ese documento de 1231, que se conserva no Archivo Histórico Nacional de Madrid, relata a venda dunha herdade situada en Sequeiros de Borvém por parte do dono, Pedro Salvadores, ao abade do mosteiro de Melón (Ourense).

Outro profesor da USC, José António Souto, defende esa data xa desde o 2003, cando editou o texto nas Actas do 18º Encontro da Associação Portuguesa de Linguistas . Desde ese ano, Souto insistiu en diferentes ocasións e contestou argumentos de expertos que propuñan textos anteriores como o máis antigo. Este profesor reafirmou a súa tese na edición dos documentos galego-portugueses dos séculos XII e XIII que lle editou o ano pasado a Universidade da Coruña, onde reproduce 384 documentos latino-romances, galego-portugueses e galaico-leoneses, que considera os máis antigos. En todos os casos son «escrituras de carácter notarial datadas entre 1139 e 1270», e advirte para os non avisados do «número relativamente importante» de documentos non datos que presentan problemas cronolóxicos.

José António Souto tamén se notabilizou e conseguiu proxección internacional cando aquel mesmo ano 2003 deu a coñecer o documento galego-portugués máis antigo, un pacto entre os irmáns Gomes Pais e Ramiro Pais acordado en 1173 en territorio portugués.

Neste traballo máis recente de Henrique Monteagudo, difundido polo Instituto da Lingua Galega da USC, este coñecido sociolingüista diferenza «escrita heterónoma galego-latina», «escrita semi-heterónoma galego-latina», «escrita semi-autónoma galega», «elaboración da escrita galega autónoma» onde encadra este texto pioneiro de 1251, e finalmente «escrita periférica (galego oriental) e fronteiriza», o que evidencia a complexidade do tema. Monteagudo afirma que hai que tomar de conta dous elementos importantes: por un lado a «autonomización do romanzo fronte ao latín», e por outro «a individuación do galego-portugués fronte a outros romanzos, no noso caso fronte ao leonés e o castelán».

Interese de especialistas

Indica que o texto de 1231 «está redactado integramente en galego, salvo a data e a fórmula de introdución dos confirmantes».

Monteagudo avanza que, xuntamente con Ana Isabel Boullón, tamén docente da Facultade de Filoloxía da USC que se ocupou deste asunto, ten no prelo unha colectánea «de textos do período primitivo que inclúe a totalidade da produción de prosa instrumental en galego anterior a 1256 que chegou a nós, e unha escolla da aparecida entre este último ano e 1260».

Alén de Souto, Monteagudo e Boullón, outros estudosos da USC que teñen publicado traballos nos últimos anos con contributos sobre esta cuestión son Rosario Álvarez, Ramón Lorenzo ou Ricardo Gutiérrez Pichel.

Nova tirada de aquí

segunda-feira, 4 de maio de 2009

Lorenzo, Tosar, Monteagudo e Nogueira, premios da Crítica

A Fundación Premios da Crítica-Galicia elixiu por unanimidade como galego egrexio a Ramón Lorenzo Vázquez, catedrático de Filoloxía Galega de la Universidad de Santiago e numerario da Real Academia Galega, polo seu "inquebrantable compromiso coa lingua e a cultura galegas, mantendo de maneira coherente desde a súa xuventude até hoxe, o seu traballo modélico no ámbito da filoloxía medieval galega, o seu maxisterio na Universidade de Santiago, que foi sempre semente de galeguidade".

Nunha cerimonia celebrada en Vigo, tamén foron entregados galardóns a Luis González Tosar na categoría de Creación Literaria, por Estúrdiga materia, "pola forza expresiva da voz poética"; a Henrique Monteagudo, na modalidade de Investigación, por Letras primeiras. O foral de Caldelas; a Camilo Nogueira Román, no apartado de Ensaio e Creación, por Europa, o continente pensado. Na categoría de música foi distinguido o compositor Juan Durán, mentres que a compañía Nova Galega de Danza levou o premio de Ciencias e Artes da Representación, e o Festival de Cans, o de Iniciativas Culturais.

Nova tirada de aquí

sábado, 28 de março de 2009

'A política lingüística do bipartito foi continuísta'

Horacio Vixande. Henrique Monteagudo (Muros, 1959), profesor da Universidade de Santiago, recoñecido sociolingüista e secretario do Consello da Cultura Galega, analiza nesta entrevista o balance da política lingüística do goberno bipartito e alerta da necesidade do nacionalismo de variar a súa estratexia sobre o idioma nun contexto en que o castelán está instalado en amplas capas urbanas.

Xusto antes das eleccións, o Consello da Cultura difundiu un informe moi crítico coa normalización lingüística, tanto se recuou no período do bipartito?

O informe falaba sobre todo da área da Secretaría Xeral de Política Lingüística, non do actual goberno en funcións. O bipartito elevou a Dirección Xeral de Política Lingüística ao rango de Secretaría Xeral e trasladouna de Educación á Presidencia da Xunta. Ese salto cualitativo non se traduciu no aumento da capacidade política e seguiu unha liña continuísta con algúns defectos graves coma a falta de diálogo, de asesoramento e de impulso político. E ao ser de maior rango que antes, os erros agrandáronse. A persoa que estivo á fronte [Marisol López] carece de capacidade técnica e demostrou unha prepotencia inaudita. Creou un Observatorio da Lingua, cunha dotación de 300.000 euros, pero outorgoullo a unha empresa privada que se usou como ariete propagandístico. Tampouco asesorou ben á Consellaría de Educación.

Todo foi tan mal?

Non. Déronse pasos positivos en Vicepresidencia, en Turismo coa cuestión dos topónimos, en Educación..., aínda que sen coordinación. No pacto de goberno a lingua aparece como unha política de goberno compartida. Creouse unha Comisión de Seguimento, pero só unha persoa se mantivo durante todo o mandato.

Enumere os aspectos positivos.

Na Secretaría Xeral non foi todo negro. Organizou ben as certificacións e títulos de competencia en galego. Houbo persoal cualificado e déronse algúns pasos nos lectorados de galego. Pero o máis positivo estivo noutras áreas. As Galescolas, con independencia do nome, foron moi positivas no uso do galego, a lingua apareceu no mesmo momento de concepción do proxecto, non foi algo que se pegou despois. Tamén o contido do Decreto do galego no ensino foi positivo, pero só o contido, fallou todo o que é o acompañamento. Non se pode facer o que facía o PP, publicar normas e aí te quedas. Hai que implicar os pais, comunicarse co alumnado e profesorado, dotar de material didáctico, contemplar a reciclaxe profesional... Había iniciativas previstas, en parte torpedeadas por persoal situado por debaixo da conselleira de Educación, e noutra parte pola vertixe do presidente, que colleu medo co discurso da "imposición".

Entón Touriño é en parte responsábel.

Presidía o goberno. É revelador o que dixo en campaña de que non toleraría a imposición. Ou era un lapso polo que asumía o discurso do PP, ou pretendía atacar o BNG desautorizándose a si mesmo.

Perda de falantes.

Nos últimos trinta anos, o galego ampliou os espazos pero diminuíu o número de falantes. Ten visos de deterse esta perda de usuarios?

Se falamos dos datos que vén de rescatar a Mesa, porque son da Academia, teño moitas prevencións. En 2003, no Consello da Cultura fixemos un estudo, apoiado nunha enquisa do Instituto Galego de Estatística, que recollía datos comparábeis con outro estudo de 1992. Os datos da Academia non son comparábeis con ningúns porque empregan un universo de persoas consultadas que é diferente. En calquera caso, ese estudo que agora menciona a Mesa sinala que en 12 anos o galego pasou de ser a lingua inicial do 60% da xente a ser o idioma inicial do 20%. A lingua inicial é un factor que non cambia en toda a vida das persoas, tes unha lingua inicial dende que naces até que morres, como puido descender tanto? Morreu o 40% da xente en doce anos? É un disparate e unha mensaxe catastrofista. Non se pode estar enterrando o galego todos os anos. Xa o pai Sarmiento no século XVIII agoiraba a inminente morte do galego.

Vostedes como o ven?

En 2006, cando presentamos o noso estudo, dixemos que había un descenso do galego como lingua inicial, pero do 0,6%. É un efecto estatístico debido á evolución vexetativa da poboación: morren os vellos.

Iso tamén é negativo.

Pero menos. Ademais, hai certa freada no proceso de substitución porque se detivo a interrupción na transmisión da lingua. Agora os pais xa lle falan galego aos fillos. De todos os xeitos, en dúas ou tres décadas, o galego será minoritario, isto debería levar a unha reflexión ao nacionalismo, reflexión que vin na famosa carta de Quintana despois de perder as eleccións, pero non na posterior da Executiva do BNG.

Un instrumento moi útil para deter o proceso ou retardalo é o prometido Consorcio para a normalización, que prevía o bipartito e que está recollido no Plano Xeral de Normalización. Sabe a que se debe que non se constituíse?

Ese é outro exemplo do goberno que tivemos. A súa creación propúxoa o PSOE e foi aprobada por unanimidade no Parlamento. Tivo unha reserva de orzamento pero non foi adiante porque desde a Presidencia parouse coa desculpa de non crear outro “chiringuito coma os do BNG”. A realidade foi o pánico de Touriño despois da famosa conferencia de empresarios contra o galego e de iniciar a axitación Galicia Bilingüe. Unha vez que se lanza unha política, se o goberno a paraliza... imos aviados.

Teñen esperanzas de que se cre nos próximos catro anos?

Con esa fórmula ou con outra, teño esperanza de que alguén se tome en serio a política lingüística, pero necesítanse instrumentos, unha entidade coordinadora, que proxecte o idioma, que facilite estudos, que apoie iniciativas económicas... e que teña efecto real. Será este goberno?

Outra sociedade.

E pensa que hoxe estamos ante unha sociedade bilingüe e que compre outra estratexia?

O nacionalismo ten que reflexionar sobre a lingua porque a que fai está baseada na de hai 30 anos, cando o galego era a lingua maioritaria e a perspectiva do monolingüismo era posíbel. Hoxe o castelán está moi introducido nas cidades. Amplos sectores están instalados en el e non se senten culpábeis. Por que habían de estalo? Son sectores urbanos que en tempos apoiaron o nacionalismo. As perspectivas de futuro son distintas. Non imos conseguir unha Galiza monolingüe en unha xeración. Se non rebaixamos o discurso e os obxectivos a curto prazo, non imos a ningures. Iso pode facerse e avanzar, pero hai que poñer máis atención en como se fai, precisamos novos instrumentos e estratexias de cambio.

Á marxe da cuestión da "imposición da lingua", Feixóo prometeu a promoción do galego, ten neste campo posibilidades de actuar?

A miña impresión é que levaba un discurso pensado en clave de oposición. A vitoria foi inesperada. Agora vese no goberno e decátase de que todo é máis complexo. Algunhas promesas súas como a separación por linguas nos colexios son irrealizábeis. Abrirá un período de reflexión. Espero que busque o consenso, a maneira de non dar marcha atrás. Sería moito pedir medidas de impulso.

O Consello reclama o 0,3% do orzamento da Xunta para a política lingüística, non teme que eses cartos rematen en financiar actividades que nada teñen que ver co idioma e que nin sequera o empregan?

Iso xa pasa con menos do 0,3% desde hai tempo. Hai gastos irracionais, subvencións para festexos ou a medios de comunicación que desprezan o galego...

Reunión con Feixóo.

Xa sei que Feixóo non desvelou as liñas xerais en materia de lingua, mais vostedes reuníronse con el. Apuntáronlle as contradicións que ven no seu discurso?

Foi unha conversa informal e reservada. Veu oír falar. O tema foi o galego. O primeiro que lle preguntamos foi se ía tocar a Lei de Normalización Lingüística, era unha cuestión importante para comezar a conversa. Dixo que non a ía tocar. As nosas reflexións foron que non hai que usar o galego como arma partidaria, que hai que buscar o consenso en función da lei e de que o galego é a lingua propia de Galiza. Insistimos en que non debía dar pasos atrás. Falamos de que é un tema vidroso e de que precisa un asesoramento técnico que lle ofrecemos. Reafirmou o argumento da liberdade individual, pero escoitounos con moito respecto e deu a impresión de que ía reflexionar. Decátase da complexidade e evitará medidas precipitadas.

Desde a oposición, que estratexia debería levar o nacionalismo sobre a lingua?

Digo isto con cautela. Hai a opción de usar o tema como o fixo o PP; ao mellor ten rendemento político. Pero como estudoso e membro do Consello penso que sería bo reconducir a situación. Cando estoupou o rebumbio, moitos cargos públicos do nacionalismo dixeron que non había que crear un conflito onde non o había, é dicir, abandonaron a teoría do conflito. Hoxe sería bo reconducir, con vixilancia, buscando o acordo antes que a confrontación.

Entrevista tirada de aquí