Mostrar mensagens com a etiqueta Google Books. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Google Books. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, 10 de março de 2009

Parte dos fondos editoriais da USC estarán en Google Books

Case mil títulos poderanse consultar parcialmente na web, mentres que a universidade manterá os dereitos de comercialización.

A Universidade de Santiago de Compostela presenta este martes a súa achega ao servizo Google Books. A institución académica fará dispoñíbel parte dos seus fondos editoriais, inicialmente preto de mil volumes. Un recente convenio entre as dúas entidades permitirá difundir na rede unha importante selección dos libros editados pola USC.

Os títulos que se poderán consultar na rede, seguindo unha política de protección de dereitos de autor, só ofrecerán un máximo do 20 por cento do seu contido. Ademais, a USC seguirá a ostentar a comercialización dos volumes dixitalizados ou indexados. En breve, poderanse adquirir tanto dende a web da universidade como dende a de Google.

Se queres ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí

quinta-feira, 12 de fevereiro de 2009

Google convértese en escaparate da cultura galega

Na rede pode verse a cuberta, o índice e unha mostra de até o vinte por cento das páxinas de todas as obras publicadas pola editorial.


Hai uns meses Galaxia anunciou que chegara a un acordo con Google para a dixitalización de todo o fondo (tanto o histórico, que se atopa descatalogado, como o actual) da editorial. O obxectivo era poñer a disposición dos lectores e as lectoras de todo o mundo a literatura galega, clásica e contemporánea, así como importantes obras de ensaio, e a propia revista Grial, de xeito que se puidese acceder a eles parcialmente, para así axudar á súa máxima difusión.


Así, dende Google Books pódese ver a cuberta das obras, índices, características do libro e unha mostra reducida (nunca máis do vinte por cento, límite legal) das súas páxinas. A comercialización do libro farase sempre a través da propia editorial ou das librarías ás que Galaxia dirixa as solicitudes dos internautas. "Google será un grande escaparate da cultura galega", dicía Freixanes hai uns meses nunha entrevista concedida a Vieiros, onde destacaba a importancia de estar presente na rede: "Galaxia vai seguir poñendo en valor o seu patrimonio literario. O primeiro é entrar no mundo da rede, o mundo dixital". Freixanes repetiu esta idea na presentación que tivo lugar este mércores, lembrando as palabras de Neil Postman "cada tempo histórico ten a súa tecnoloxía", e animou á cultura galega a poñerse á altura deste desafío.

Os resultados están á vista: Google Books ten dixitalizados ao redor de sete millóns de libros en máis de cen idiomas. Un traballo que inclúe o recoñecemento de caracteres e o indexado de palabras, de xeito que se buscamos en Google "xa antes de aquil houbera outro, cántas veces o contaban, o Perfeutiño" (comezo de Xente ao Lonxe), o sistema devolverá o rexistro da novela. Os clientes desta inmensa libraría son centos de millóns de internautas en todo o planeta, o que dá lugar a audiencias masivas. Só en xaneiro os libros de Galaxia aloxados en Google Books tiveron máis de 23 mil visitas. O obxectivo é ofrecer o mesmo servizo que as librarías físicas lles ofrecen aos lectores, a posibilidade de ver a cuberta, os índices, a contrapa, as lapelas, os paratextos que acompañan ao libro, para que dese xeito o lector poida decidir mellor se lle interesa ou non.

Para acceder a este fondo só hai que entrar na páxina de Google Books (http://books.google.com), e alí buscar, por exemplo "Xente ao lonxe"; chegaremos automaticamente á novela de Blanco Amor, da que se poden ler (non descargar), a cuberta, o prólogo, e un bo feixe de páxinas do libro. Ademais, poderemos escribir unha reseña, procurar a obra en librarías (por exemplo en Amazon ou na Casa do Libro) ou encargalo directamente a Galaxia, que remitirá esta petición a un libreiro. Podemos facer a mesma procura cunha obra máis recente, como o Made in Galiza de Sechu Sende, ou con algún número da revista Grial, ben un número antigo e difícil de atopar, como o nº 23 de 1969, ben un número máis recente, como o nº 160, de 2003.


No acto de presentación desta caste de 'biblioteca dixital', celebrado na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, participaron Luis Collado, responsábel de Google Book Search España, Víctor Freixanes, director xeral de Galaxia, o crítico literario Arturo Casas, e o coordinador de novos proxectos da editorial, Francisco Castro. O profesor Arturo Casas, despois de destacar a importancia que para a proxección exterior da cultura galega poden ter iniciativas como esta, realizou unha análise da influencia que as novas tecnoloxías poden ter na relación entre o home e os textos. Fíxoo a través dos tres niveis nos que tipificou esta relación: o máis básico, de lectura ou consulta, que sae moi beneficiado da introdución das novas tecnoloxías; o de estudo, que tamén gaña coa "democratización do acceso ao saber"; e o da crítica, que para o profesor Casas se pode ver prexudicado pola rede, que pode xerar unha "ausencia de discurso propio e unha complacencia nesta situación; unha mimetización textual que dá paso a unha mimetización intelectual, estética e ideolóxica".


Para ler a nova no seu lugar de origem, preme aqui