terça-feira, 8 de dezembro de 2009
Boloña na Universidade
http://crtvg.es/reproductor/inicio.asp?canal=tele&hora=08/12/2009%2015:18:50&fecha=05/12/2009&arquivo=1&programa=REPORTEIROS&id_programa=660
quarta-feira, 18 de novembro de 2009
«A universidade está nunha caída estrepitosa»
No momento máis oportuno. Así chega o novo libro do catedrático de Historia Antiga da USC José Carlos Bermejo, La fábrica de la ignorancia: La universidad del «como si», que critica a actual situación das universidades, sobre todo el clave de goberno. De feito, o seu prólogo deixa claro que o proceso de desenvolvemento das institucións universitarias é practicamente irreformable, e quedan «secuestradas por parte de sus profesores y de su personal administrativo». Todo, a un meses dun proceso electoral para o que xa se postulan un total de 12 posibles candidatos a reitor. Onte, o libro presentouse na Facultade de Ciencias da Educación, un acto que derivou finalmente nun debate sobre o actual estado da Universidade moderado polo profesor Alfonso García Tobío.
-¿Como xorde a idea de escribir un libro que critica tan duramente o sistema universitario?
-A idea deriva doutro libro que escribín antes, La aurora de los enanos. Repásase a evolución histórica da universidade dende o franquismo, como foi mellorando en recursos e medios ata chegar á situación actual de caída co proceso Bolonia, a investigación ou o mercado.
-Os gobernantes louvan a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior.
-O Plan Bolonia non é máis que unha adaptación de módulos de créditos. O discurso que se fai é baleiro, como o dos políticos actuais. Fálase de mellorar a docencia e a investigación, pero non se poñen medios para levalo a cabo. Só hai unha diferenza entre a palabra e o que se fai logo, que non ten nada que ver.
-Tampouco está de acordo co modelo investigador vixente na actualidade.
-Chegouse a un sistema no que só conta o número de traballos que se publican, sen atender á súa calidade e así financiar a todos.
-¿Pódese frear a caída da universidade da que fala no libro?
-Hai que cambiar os gobernantes políticos da universidade, porque estamos ante un proceso de caída estrepitoso. Ao final, vaise levar a cabo unha reconversión industrial da universidade, porque o que non ten sentido é ter varias facultades de Química ou de Historia e que estean baleiras de alumnos. Non se poden levar a cabo iniciativas e gobernar só ao servizo dos profesores universitarios e non en beneficio de todos.
-Tamén se fala de que a universidade deixou de ser unha institución que educaba para a vida para converterse nunha máquina de facer títulos.
-É certo, trátase do discurso das competencias. Esa evolución só levou a empobrecer o ensino dos estudantes. A actual formulación da universidade é irreal nun país onde non hai correlación entre o número de estudantes e os postos de traballo que os agardan. En Historia, poucos son os que rematan traballando en algo que ten relación coa súa carreira.
-¿A solución logo é comezar a limitar o acceso á universidade?
-A solución pasa por racionalizar o número de alumnos de cada titulación e cambiar os modos nos que se está a gobernar.
Nova tirada de aquí
sexta-feira, 30 de outubro de 2009
Faladoiro do 29/10/2009 onde se debate sobre a situación da Univesidade
Parte 1
Parte 2
«A sociedade civil ten que decidir se o galego morre ou é unha lingua de primeira»
O sociolingüista e secretario do Consello da Cultura Galega, Henrique Monteagudo, apela á sociedade civil para decidir se o idioma morre ou se é unha lingua de primeira. Onte presentou na Biblioteca Ánxel Casal o libro As razóns do galego. Apelo á cidadanía , editado por Galaxia.
-¿Que aborda nesta obra?
-Reúne intervencións públicas e artigos publicados en distintos medios de comunicación nos últimos tres anos, cos que se pode seguir a polémica arredor da lingua, sobre todo a cuestión da suposta imposición do galego e a política adoptada polo actual goberno da Xunta.
-¿Faino como sociolingüista?
-Non deixo de ser sociolingüista, pero están pensados e escritos para o gran público, porque necesitamos dirixirnos e chegar ás capas máis amplas da sociedade galega para que a cuestión non quede nas mans dos políticos nin decidan por nós.
-¿Cualifica a situación?
-Explico por que me decidín a escribir o libro. O galego está nun dos momentos máis críticos, porque o peor é dar pasos atrás cando se tiña avanzado. Sosteño que sociedade civil ten que decidir se o mete nun baúl para que morra, ou situalo no sitio que lle corresponde, en igualdade co castelán.
-¿Con manifestacións?
-Non só con manifestacións. O importante é que haxa reacción social, que a sociedade civil adopte un papel activo, ten que sentir que o problema de galego como algo propio.
Nova tirada de aquí
segunda-feira, 17 de agosto de 2009
Expertos da USC datan en agosto de 1231 o texto en galego máis antigo
O 25 de agosto será o 779 aniversario do texto en galego máis antigo, elaborado nese día de 1231. Esta parece ser a data certa, por máis que o seu establecemento non resultou simple e deu lugar a controversias nos últimos anos, con participación de varios especialistas da USC. Non obstante, a recente publicación do estudo A elaboración do galego escrito no período primitivo , de Henrique Monteagudo, docente da USC, quen anteriormente defendeu outra proposta, supón unha importante aproximación que parece permitirá fixar un asunto importante para a cultura do país.
Ese documento de 1231, que se conserva no Archivo Histórico Nacional de Madrid, relata a venda dunha herdade situada en Sequeiros de Borvém por parte do dono, Pedro Salvadores, ao abade do mosteiro de Melón (Ourense).
Outro profesor da USC, José António Souto, defende esa data xa desde o 2003, cando editou o texto nas Actas do 18º Encontro da Associação Portuguesa de Linguistas . Desde ese ano, Souto insistiu en diferentes ocasións e contestou argumentos de expertos que propuñan textos anteriores como o máis antigo. Este profesor reafirmou a súa tese na edición dos documentos galego-portugueses dos séculos XII e XIII que lle editou o ano pasado a Universidade da Coruña, onde reproduce 384 documentos latino-romances, galego-portugueses e galaico-leoneses, que considera os máis antigos. En todos os casos son «escrituras de carácter notarial datadas entre 1139 e 1270», e advirte para os non avisados do «número relativamente importante» de documentos non datos que presentan problemas cronolóxicos.
José António Souto tamén se notabilizou e conseguiu proxección internacional cando aquel mesmo ano 2003 deu a coñecer o documento galego-portugués máis antigo, un pacto entre os irmáns Gomes Pais e Ramiro Pais acordado en 1173 en territorio portugués.
Neste traballo máis recente de Henrique Monteagudo, difundido polo Instituto da Lingua Galega da USC, este coñecido sociolingüista diferenza «escrita heterónoma galego-latina», «escrita semi-heterónoma galego-latina», «escrita semi-autónoma galega», «elaboración da escrita galega autónoma» onde encadra este texto pioneiro de 1251, e finalmente «escrita periférica (galego oriental) e fronteiriza», o que evidencia a complexidade do tema. Monteagudo afirma que hai que tomar de conta dous elementos importantes: por un lado a «autonomización do romanzo fronte ao latín», e por outro «a individuación do galego-portugués fronte a outros romanzos, no noso caso fronte ao leonés e o castelán».
Interese de especialistas
Indica que o texto de 1231 «está redactado integramente en galego, salvo a data e a fórmula de introdución dos confirmantes».
Monteagudo avanza que, xuntamente con Ana Isabel Boullón, tamén docente da Facultade de Filoloxía da USC que se ocupou deste asunto, ten no prelo unha colectánea «de textos do período primitivo que inclúe a totalidade da produción de prosa instrumental en galego anterior a 1256 que chegou a nós, e unha escolla da aparecida entre este último ano e 1260».
Alén de Souto, Monteagudo e Boullón, outros estudosos da USC que teñen publicado traballos nos últimos anos con contributos sobre esta cuestión son Rosario Álvarez, Ramón Lorenzo ou Ricardo Gutiérrez Pichel.
Nova tirada de aquí
quinta-feira, 23 de julho de 2009
A USC e Política Lingüística renovan a súa colaboración no ILG
O acordo quedou formalizado nun acto no que interviñeron o reitor da USC, Senén Barro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que estiveron acompañados pola directora do ILG, Rosario Álvarez.
Deste xeito, a USC continuará a traballar a través do ILG na elaboración do novos volumes do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) e paralelamente coa corrección e mantemento da base de datos informática dos materiais extraídos dos seus cuestionarios. Tamén se concluirá o traballo de preparación de materiais do ALGa para incorporar á páxina web do ILG. Neste senso, tanto o ficheiro lexicográfico como os cadernos do Atlas son na actualidade unha fonte de información imprescindible para calquera traballo sobre gramática e léxico.
Léxico
Durante este ano rematarase ademais o volume correspondente a Ser humano II e continuarase coa elaboración dos seguintes volumes correspondentes á parte de léxico e cos traballos de corrección e mantemento da base de datos informática.
En virtude deste mesmo convenio, a universidade compostelá continuará coa elaboración e actualización da base de datos lexicográfica e ao mantemento do Tesouro Informatizado da Lingua Galega. Así, durante este ano, se prevén incorporar novos textos á base, ao redor de 650.000 palabras, e rematar a transferencia á linguaxe XML dos arquivos textuais, complementando o conxunto co deseño de novas aplicacións de busca para axilizar as consultas realizadas a través da páxina web.
Dicionario
Até o momento, o ILG xa ten realizada a recolleita dun corpus lexicográfico, para a elaboración dun dicionario galego, procedente do baleirado de textos galegos de máis de 1.000 obras producidas dende a etapa do pre-Rexurdimento até a actualidade. A base de datos xerada aproxímase aos trece millóns de rexistros.
A transición e edición dos documentos galegos da colección diplomática Santa María de Oia, a elaboración e desenvolvemento do Xelmírez: Corpus romance da Galicia medieval e o mantemento do Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega, son outros dos cometidos asignados ao ILG no documento subscrito este xoves en San Xerome.
Obras e coleccións
Ao amparo do convenio tamén se contempla continuar incrementando a base textual coa incorporación de novas obras e coleccións documentais. Estes traballos consistirán na revisión, corrección, análise onomástica, análise gramatical das locucións e etiquetaxe de obras romances da Galiza medieval que quedaron pendentes de 2008; o inserimento de obras, maiormente notariais que foron aparecendo recentemente; e o axeitamento dos textos aos estándares do procesamento informática na rede.
A USC tamén dará un novo paso no desenvolvemento do Arquivo do Galego Oral coa clasificación temática do material recollido e coa implementación dunha ferramenta para ter acceso a través da web a unha escolma do textos do arquivo.
Nova tirada de aquí
sexta-feira, 17 de julho de 2009
Estudos galegos, remexemos na hemeroteca: A lingüística hoxe
Peneiramos a base de datos de Vieiros para achegarvos documentos de interese publicados neste canal. Profesorado e alumnado vencellado á licenciatura de Filoloxía Galega na Universitat de Barcelona: mantivo activo durante ben tempo en Vieiros o Canal Estudos Galegos, a través da Asociación Internacional de Estudos Galegos.
Coincidindo coa novena edición do congreso que organiza este colectivo desde este luns en Santiago, (Ver a información de Vieiros: En galego estamos no mundo ), aproveitamos para recuperar contidos de amplo interese que tiñan sido reclamados por lectores e investigadores e que, por problemas técnicos, quedaran inaccesíbeis. Agora organizámolos para poñelos outra vez ao voso dispor.
Aquí o quinto monográfico, publicado orixinalmente en setembro de 2002:
Monográfico 5 / A LINGÜÍSTICA GALEGA HOXE
Coord. X. L. Regueira (Profesor de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela e Secretario do ILG)
Cando se fala dos estudios de lingüística galega é un lugar común menciona-la súa curta tradición (en comparanza coas grandes linguas romances, nomeadamente español e portugués) e o seu escaso desenvolvemento ata tempos recentes, para a continuación enfatiza-la importantísima expansión destes estudios nos últimos trinta anos. Ler aquí
Entrevista con Johannes Kabatek
Por X. L. Regueira (Do Instituto da Lingua Galega e profesor na Universidade de Santiago de Compostela)
J. Kabatek, profesor na Universidade de Freiburg, é un dos investigadores máis firmes sobre lingüística galega no ámbito alemán. Recentemente atopou a traducción ó galego da Bula Ineffabilis. Ler aquí
O Diccionario de diccionarios
Por Antón Santamarina (Director do ILG, membro da Real Academia Galega, especialista en lexicografía e profesor na Universidade de Santiago de Compostela)
Xa está dispoñible a segunda versión do máis ambicioso proxecto lexicográfico galego. O seu director explica o proxecto e adianta as novidades previstas para as versións 3 e 4. Así mesmo, desde aquí podes ler algúns dos artigos recentes de Antón Santamarina sobre lexicografía dispoñibles na rede. Ler aquí
Planificación lingüística en Galicia
Por Anxo M. Lorenzo Suárez (Profesor de sociolingüística e Director da Área de Normalización Lingüística na Universidade de Vigo)
A planificación lingüística levada a cabo en Galicia tivo un escasa densidade e diversidade debido a unha mestura de motivacións e de causalidades baseadas nas ideoloxías lingüísticas, nos intereses políticos e nas inercias das institucións. Ler aquí
A lingüística histórica galega na actualidade
Por Ramón Mariño Paz (Especialista en gramática histórica, é profesor na Universidade de Santiago de Compostela)
Panorámica das investigacións recentes sobre lingüística histórica, con descrición de liñas de traballo e adianto de proxectos que se acaban de poñer en marcha. Ler aquí
Os estudios de Gramática
Por Francisco Cidrás Escáneo (Especialista en gramática, é profesor de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela)
Repaso crítico ás publicacións de gramática galega, con especial atención ós traballos máis recentes e as revistas galegas de lingüística. Ler aquí
Os estudios de sociolingüística
Por Gabriel Rei-Doval (Lector de galego na University of Birmingham. Recentemente defendeu a súa tese de doutoramento titulada "A Lingua galega no medio urbano, unha visión desde a macrosociolingüística")
Panorámica das correntes, autores, proxectos desenvolvidos e liñas de investigación nos estudios de sociolingüística galega, especialmente desde a década dos oitenta. Ler aquí
A fonética galega: un presente condicionado
Por Sabela Labraña Barrero (Profesora de Filoloxía Galega e Investigadora do Laboratorio de Fonética, na Universitat de Barcelona)
Percorrido polos estudios de Fonética galega. Veremos como os condicionamentos sociopolíticos influíron na orientación de moitos deles e aínda subxacen na actualidade. Exporanse logo os comezos da investigación experimental no ILG e a situación actual. Tamén se fala doutras tecnoloxías de investigación aínda non aplicadas para o galego. Ler aquí
Centros de estudios galegos nas illas británicas
Por David Mackenzie (Profesor na University of Cork, Irlanda)
Historia dos estudios de galego nas universidades do Reino Unido e Irlanda, que conta cun nutrido número de investigadores. Ler aquí
- Ligazóns
- Estudos Galegos en Vieiros – Monográfico 1: Novas Investigacións
- Estudos Galegos en Vieiros – Monográfico 2: Tradución
- Estudos Galegos en Vieiros – Monográfico 3: Estudos Medievais
- Estudos Galegos en Vieiros – Monográfico 4: Filosofía e Deporte
Somos ou non somos? A identidade galega que creou a Transición
Os estudos presentados por Cristina Martínez Tejero, Vítor Suárez Diaz, Carlos González Figueiras e Roberto López-Iglésias Samartim parten da hipótese de que é entre 1968 e 1982, un tempo que podemos denominar xenericamente 'Transición Política' ou 'Restauración Borbónica' cando é (re)elaborado un corpus ideolóxico sobre a identidade diferenciada da Galiza en grande medida vixente aínda na actualidade.
Cristina M. Tejero analizou o corpus ideolóxico sustentado polos grupos con maior grao de institucionalización, que liderarán o proceso de transición política inmediatamente posterior e a construción político-cultural do actual réxime autonómico. Pola súa banda, Vítor Suárez Diaz centrou a súa análise na relación entre a identidade nacional e a idea de clase promovida polos grupos da esquerda en 1972, ano das folgas en Ferrol e Vigo e do asasinato de Amador e Daniel pola policía franquista. Finalmente, Carlos Figueiras afondou na construción do discurso identitario realizada polos axentes e grupos do campo cultural galego, e as homoloxías existentes entre eles e os axentes e grupos do campo do poder.
A investigación que leva a cabo o grupo Galabra da USC deita luz sobre un dos períodos máis importantes da historia galega contemporánea, que no entanto está escasamente estudado. Uns anos que crearon ou modelaron en boa medida as institucións e grupos que conforman a estrutura social, política e económica da Galiza actual, así como os discursos simbólicos empregados por todos eles. Uns anos nos que, en palabras de Gerard Imbert, "o cambio nunca ten lugar: ten cabida no discurso mais non nas prácticas; ten valor de intercambio, pero non valor de uso".
Isto produciuse porque os custes económicos e sociais da crise económica dos anos setenta e oitenta foron desigualmente repartidos entre as distintas clases sociais, pois a oposición abandonou moitas das súas reivindicacións na procura dunha pretendida 'paz social' e dun acordo político pilotado polos sectores sociais que xa eran hexemónicos nos últimos anos da ditadura.
Ao remate da exposición dos relatorios, iniciouse un interesante debate no que participaron, entre outros, os profesores Arturo Casas ou Elías Torres Feijó, centrado principalmente no papel que na produción simbólica de discursos na Transición tiveron as voces do exilio, e tamén na diferenza existente entre a importancia real das achegas dos galeguistas históricos (nucleados ao redor de Piñeiro e Galaxia) e a percepción que hoxendía se ten do seu impacto.
Nova tirada de aquí
quarta-feira, 15 de julho de 2009
Salman Rusdhie e Umberto Eco estarán na Coruña en setembro
A Coruña recibirá entre o 22 e o 26 de setembro a algúns dos pensadores e investigadores máis importantes do momento, que participarán no décimo Congreso Mundial de Semiótica, un evento que ademais conmemorará o 40 aniversario da Asociación Internacional de Estudos de Semiótica, creada por Greimas, Barthes, Jakobson e Umberto Eco. Eco será un dos participantes de máis sona, aínda que a lista de Premios Nóbel é ampla, coa presenza do turco Orhan Pamuk, o nixeriano Wole Soyinka e a sudafricana Nadine Gordimer, así como outros investigadores, como Noam Chomsky e Román Gubern, e escritores, como o autor británico Salman Rushdie.
Espérase que no evento participen máis de mil investigadores de todo o planeta. O congreso terá máis de sesenta sesións vinte en forma de mesas redondas e corenta seccións temáticas, afondando en temas como os imaxinarios urbanos, o discurso das cidades, as artes, a arqueoloxía ou a historia. Tamén se tratarán outros ámbitos, como a semiótica visual, o cinema, a televisión, a biosemiótica, ou a análise do discurso.
Por certo, se alguén está preguntado que é o que estuda exactamente a semiótica, ten que saber que se ocupa dos signos, a súa estrutura e a relación entre o significante e o concepto de significado, é dicir, a base mesma da comunicación e dos mecanismos creados polo home para analizar e explicar a realidade. Entre os investigadores que ao longo da historia se ocuparon do estudo da semiótica están, por exemplo, Umberto Eco, Noam Chomsky, Roland Barthes, Roman Jakobson, Jacques Lacan, Jacques Derrida ou Louis Hjelmslev.
Nova tirada de aquí.
"Falta compromiso na CRTVG na cuestión lingüística"
Belén Regueira lembrou a necesidade de fixar un modelo de lingua para a televisión, pola importancia que ten para a sociedade. Este modelo, para a xornalista, debe ser "correcto, xenuíno, claro, eficaz e flexíbel para as distintas situacións de comunicación que se producen nun medio de masas". Regueira falou claro e falou ben, dixo que na CRTVG "falta compromiso na cuestión lingüística" e explicou que "até hai tres anos non houbo servizo de planificación lingüística, e agora está transferido". Así mesmo, reclamou a redacción dun libro de estilo que sirva de referencia para todos os medios e falantes, cumprindo o mesmo papel dos libros de estilo da Axencia Efe para o castelán e do da TV3 para o catalán.
Consulta aquí o programa completo do Congreso de Estudos Galegos
Nova tirada de aquí
sexta-feira, 12 de junho de 2009
O Departamento de Galego da USC esíxelle a Feijoo que garanta a presenza do idioma
O mundo universitario tampouco é alleo á derrogación do decreto. Este mesmo venres, o Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela envioulle unha carta ao presidente da Xunta para manifestarlle a súa fonda preocupación “polas medidas adoptadas ou anunciadas pola Xunta” referentes á lingua galega.
O texto, aprobado por unanimidade, é abertamente crítico coa actitude do Goberno que “sen dúbida está a ter un impacto moi negativo sobre a situación da lingua, que se encontra xa nun grave proceso de retroceso social”. O profesorado de Filoloxía Galega cuestiona a enquisa que prepara a Consellaría de Educación.
A carta insta ao presidente do Goberno a que, cumprindo a lexislación vixente, tome medidas que “aseguren unha presenza importante da lingua galega no ensino, que garantan o dereito dos cidadáns a ser atendidos en galego nas súas relacións coa administración, que eviten a discriminación laboral por usar a lingua galega, e que a leven a ter unha presenza relevante nos medios de comunicación e noutros ámbitos sociais, de xeito que sexa posible vivir en galego, como di un dos obxectivos xerais do Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004”.
Segundo puido saber Vieiros, os departamentos das outras dúas universidades do país preparan textos similares aos asinados polos seus compañeiros de Compostela que se darán a coñecer a vindeira semana.
Ofrecémoslle o texto íntegro aprobado polo Departamento de Filoloxía Galega da USC:
O Consello de Departamento de Filoloxía Galega da USC acordou, en reunión que tivo lugar o día 11 de xuño de 2009 na Facultade de Filoloxía, dirixir o seguinte escrito ao Excmo. Sr. Presidente da Xunta de Galicia, e remitir copias á Excma. Sra. Presidenta do Parlamento galego, ao Excmo. Sr. Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e ao Sr. Secretario Xeral de Política Lingüística:
O Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela quere facerlle chegar a súa fonda preocupación pola situación da lingua galega, e en particular polas medidas adoptadas ou anunciadas pola Xunta de Galicia, encamiñadas a desprotexela na función pública e no ensino non universitario, por primeira vez desde a recuperación da democracia, a pesar de estar obrigada pola Lei de Normalización Lingüística a promover de maneira progresiva o seu uso normal de maneira específica neste ámbitos. Con estas medidas, e coas reiteradas declaracións de membros do goberno galego, estáselle transmitindo á cidadanía a idea de que a lingua galega non é nin necesaria nin útil e estanse a reforzar os vellos prexuízos lingüísticos, o que sen dúbida está a ter un impacto moi negativo sobre a situación da lingua, que se encontra xa nun proceso de grave retroceso social.
No tocante ao ensino non universitario, este Departamento considera que a Xunta de Galicia incorre nunha grave responsabilidade ao trasladarlles aos pais e nais decisións que lles corresponden aos poderes públicos, colocando a lingua galega como motivo de división social e creando un conflito que non existía ata o de agora, ademais de poñer en evidente risco o mandato tanto da Lei de Normalización Lingüística coma da Ley Orgánica de Educación de que os alumnos acaden unha competencia lingüística elevada por igual en galego e en castelán.
De acordo coa lexislación vixente, e conforme co seu carácter de lingua oficial de Galicia (xunto co castelán), instamos a que o goberno da Xunta de Galicia tome medidas que aseguren unha presenza importante da lingua galega no ensino, que garantan o dereito dos cidadáns a ser atendidos en galego nas súas relacións coa administración, que eviten a discriminación laboral por usar a lingua galega, e que a leven a ter unha presenza relevante nos medios de comunicación e noutros ámbitos sociais, de maneira que sexa posible vivir en galego, como di un dos obxectivos xerais do Plan de Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en 2004. Animamos tamén ao goberno da Xunta a que xere un clima positivo cara á lingua galega que atenúe e desfaga os prexuízos que contra ela existen aínda na nosa sociedade, como se puxo abertamente de manifesto nos últimos meses.
A lingua galega é unha riqueza e un patrimonio de todos os galegos, calquera que sexa a lingua que falen, parte fundamental do recoñecemento de Galicia como comunidade histórica, e pode ser unha ferramenta de futuro para a nosa sociedade se queremos e sabemos utilizala e desenvolvela. É responsabilidade de todos. E, en primeiro lugar, do Goberno galego, que Vde. preside.
A noticia está tirada de aquí
quinta-feira, 11 de junho de 2009
Chega Blukk: O acceso ao coñecemento universal sen pasar por Madrid
Blukk é un portal que permite acceder a varios millóns de libros e e-books en portugués publicados en calquera lugar do planeta, de xeito sinxelo e de balde. Concíbese para dar servizo aos usuarios galegos, e incorpora recursos de lingua, diccionarios, e o acceso ás webs das tres universidades do país, as bibliotecas de Galiza, as de Portugal e outros portais, como Europeana.
Nace dirixido especialmente a estudantes e investigadores, e os creadores do portal indican que en proximas versións se ampliará o ámbito de actuación do portal a outros países, alén de Galiza.
Entra aquí en Blukk
Nova tirada de aquí
quarta-feira, 27 de maio de 2009
A primeira revista electrónica da USC difundirá o estudo da lingua
Segundo explicou a directora do ILG e da revista, Rosario Álvarez, a revista está "aberta a ampliar a nómina de investigadores e investigadoras que estudan directa ou indirectamente o galego", e vén complementar as outras publicacións que existían sobre o mesmo tema, ao tempo que ocupa un espazo "complementario e integrador". O seu afán universalizador reflíctese en que dous terzos do seu comité de redacción están formados por persoas alleas ao ILG.
O director académico do Servizo de Publicacións e Intercambio científico da USC, Antonio Azaustre, afirmou que "a difusión do coñecemento está condenada a ser por vía electrónica", pero que a conservación dese material "pódese facer en papel". De feito, tiráronse 300 exemplares en formato físico, fundamentalmente para o intercambio bibliotecario entre as distintas universidades do mundo.
Segundo o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, o feito de sacar a revista en formato electrónico foi un "esforzo que lles vai facilitar o traballo ás que veñan detrás", e salientou a "valentía" de lanzar unha publicación coa "ambición de ser revista de referencia", porque "hoxe non paga a pena saír cunha revista que pretenda ser unha máis".
A parte dixital de ELG pódese consultar na web do ILG, por seccións e por artigos, cada un deles con cadanseu resumo en formato texto. Ademais, cada un dos traballos publicados pódese descargar en formato PDF, así como a revista completa, de 297 páxinas. Tamén é posíbel subscribirse aos volumes que vaian saíndo mediante unha semente RSS ou por medio de avisos por correo electrónico. A consulta é aberta e gratuíta, precisamente para cumprir co seu obxectivo de difusión universal.
Nova tirada de aquí
quarta-feira, 20 de maio de 2009
ATAQUE DESCARNADO CONTRA À LÍNGUA DA GALIZA e os nossos direitos e identidade: muito importante, difundide por todo lado, movimentai ao pessoal
eis o ataque: UM ANTEPROJECTO DE LEI -A TODA PRESA-, que resposta a demonstraçom cívica do domingo, tirando qualquer exigência e obrigatoriedade ao galego
(A Lei e artigo que emendam foi votado polo PP unanimemente incluído Feijó o ano passado)
Convoca-se Mesa Geral de Negociaçom de Empregados Públicos, para a sexta dia 22, ás 11:30, na sede da EGAP no polígono de Fontinhas.
O ponto único da ordem do dia é informe do anteprojecto da lei de reforma da lei da Función Pública
http://www.xunta.
polo que modifica o artigo 35 da Lei, é dizer o pequeníssimo esforço de saberem os funcionários algo de língua galega, entenderem um test. Redigindo no ante-projecto de reforma banindo qualquer OBRIGATORIEDADE sobre o galego com uma proposta que nom é o velho artigo 33 da Lei Fraga e sim o programa da extrema direita fascista espanhola - COPE
Este primeiro ataque, muito grave, merece uma resposta social contundente,
A isso das 20 horas, o documento que vai à Mesa Geral vai estar em
http://autonomica.
A proposta vai contra a carta europeia das línguas minorizadas e os nossos direitos linguísticos
http://www.pglingua
Alexandre
sexta-feira, 15 de maio de 2009
Faladoiro do 12/05/2009 onde se debate sobre a situación actual da lingua e da literatura galega
Parte 1
Parte 2
quinta-feira, 14 de maio de 2009
O filólogo vigués Anxo Lorenzo será o novo responsábel de Política Lingüística
Nacido en Vigo en 1964, é un dos máis destacados especialistas en sociolingüista. O seu nome xa estivo enriba da mesa hai catro anos. Sectores do PSdeG presionaban para que fose o novo secretario xeral de Política Lingüística e os nacionalistas non poñían impedimentos. Porén, a última hora, o propio aparato socialista decidiu descartalo e fichar a Marisol López, profesora da Universidade de Santiago. Aínda así, Lorenzo colaborou puntualmente ao longo da lexislatura coa secretaria xeral.
Máis adiante, especulouse coa posibilidade de que presidise o Consorcio de Planificación Lingüística. Porén, Pérez Touriño sempre mantivo no ar a creación do ente.
Un decreto que queima nas mans
Con esta fichaxe, Feijoo quere tender unha ponte coa oposición en materia de Política Lingüística. Logo dunha inaudita campaña contra os procesos de normalización do galego, o PPdeG sabe que a cuestión lingüística pode ser un auténtico crebacabezas político.
Os conservadores prometeron, en aras da “liberdade de elección”, derrogar un decreto de galeguización do ensino que garante que, polo menos, o 50% das materias se impartan no idioma autóctono. Anxo Lorenzo, que dependerá directamente do conselleiro de Educación, vai ser un dos encargados de afrontar a polémica reforma prometida por Feijoo.
Segundo diversas fontes, Feijoo teríase comprometido con Lorenzo a negociar con socialistas e nacionalistas o novo decreto. Nos plans do novo presidente da Xunta estaría establecer un terzo das materias obrigatoriamente en galego. As restantes impartiríanse en castelán e inglés, con certa marxe de elección para os pais dos alumnos.
Unha Oficina para o Galego Exterior?
Anxo Lorenzo sempre estivo a prol de que a Xunta tivese máis contacto coas comunidades galegofalantes do exterior. Fontes consultadas por Vieiros consideran que o novo secretario xeral de Política Lingüística leva un proxecto debaixo do brazo: unha Oficina para o Galego Exterior. Este organismo encargaríase de contactar con outras comunidades autónomas para ver de establecer mecanismos de protección para o galego que se fala fóra dos límites administrativos de Galiza.
Se queres ler a nova na súa fonte, preme aquí
sábado, 9 de maio de 2009
Os alumnos critican o maltrato do galego nas facultades
De feito, presentaron algúns datos dun estudo feito polo servizo de normalización lingüística da institución, nos que se reflicte que o castelán é usado na docencia en máis do 87% dos casos, e a metade dos alumnos galegofalantes que inician a licenciatura de dereito na USC, rematan converténdose en castelánfalantes para converxer co idioma maioritario. Ademais, ante as trabas que se impoñen para facilitar exame en galego, só o 1% se acaban facendo nesta lingua.
Os universitarios reivindicaron o seu dereito a vivir e estudar dignamente na súa lingua, polo que instan á USC a que corrixa esa situación «en aras da legalidade e do benestar do conxunto do estudantado». Finalmente, animan aos alumnos que se mobilicen o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas.
Nova tirada de aquí
quinta-feira, 7 de maio de 2009
Un retroceso imparable
Un 51,4% da sociedade asegura que utiliza de xeito frecuente a lingua propia fronte ao 29% que o fai só en castelán
A. ARNÁIZ. LUGOEstas cifras revelan que a utilización do galego nesas dúas provincias orientais é superior en quince puntos ás rexistradas nas provincias atlánticas da Coruña e Pontevedra, onde as porcentaxes de falantes habituais representan o 45,3 e 48,3%, respectivamente. Estes son os datos que se desprenden dunha enquisa realizada en febreiro pasado, a dous mil maiores de 18 anos, polo Obradoiro de Socioloxía S.L e o Estudo Indaga, sobre usos lingüísticos en Galicia.
A xente que emprega ambas as linguas non chega ao 20%
En termos xerais, este traballo sobre usos idiomáticos pon de manifesto que máis da metade dos galegos, un 51,4%, empregan de xeito frecuente o galego á hora de falar, fronte ó 29,2% que o fai en castelán. Un 19,3% di empregar as dúas linguas por igual. Á hora de autovalorar o xeito de falar a lingua prolpia, máis da metade dos galegos, 54 de cada cen, aseguran falalo ben. Un 39% recoñece que o falan regular e só un 6,6% dos enquisados afirma que non sabe falalo.
Por provincias as diferenzas agrándanse, así en Lugo só o 2,7% recoñece non saber falar galego, un rexistro que na provincia de Ourense ascende ó 4%. Unhas cifras que se duplican nas demarcacións atlánticas de Pontevedra e da Coruña, cun 7,3 e un 8 por cento, respectivamente, de persoas que afirman non saber empregar o galego á hora de falar.
- EN CIFRAS
Este estudo elaborado polo Obradoiro de Socioloxía e o Estudo Indaga pon de relevo tamén que a utilización do galego entre persoas que superan os 60 anos, anda polo 64%, fronte ó uso entre os máis novos, que se sitúa no 42 por cento.
En canto á autovaloración da fala en galego ligada á intención de voto nas eleccións, os afíns ó Partido Popular din falalo ben nunha porcentaxe do 57,9, fronte ó 48,4 de cada cen, dos votantes do Partido Socialista de Galicia. Os simpatizantes do Bloque Nacionalista Galego, incrementan ese nivel ata o 67 por cento.
Estes datos veñen unirse ao último mapa sociolingüístico de Galicia, elaborado pola Real Academia Galega, que evidenciaba que os rexistros de persoas que nunca falan galego pasaron do 13% , no ano 1992, ó 25 por cento, no 2004.
Este mapa é outra evidencia do retroceso da lingua, sobre todo, na súa transmisión xeracional de pais a fillos.
segunda-feira, 4 de maio de 2009
Lorenzo, Tosar, Monteagudo e Nogueira, premios da Crítica
Nunha cerimonia celebrada en Vigo, tamén foron entregados galardóns a Luis González Tosar na categoría de Creación Literaria, por Estúrdiga materia, "pola forza expresiva da voz poética"; a Henrique Monteagudo, na modalidade de Investigación, por Letras primeiras. O foral de Caldelas; a Camilo Nogueira Román, no apartado de Ensaio e Creación, por Europa, o continente pensado. Na categoría de música foi distinguido o compositor Juan Durán, mentres que a compañía Nova Galega de Danza levou o premio de Ciencias e Artes da Representación, e o Festival de Cans, o de Iniciativas Culturais.
Nova tirada de aquí
quinta-feira, 30 de abril de 2009
A Feira do Libro volve á Alameda sen mudar a súa organización
As 17 casetas que abrirán as portas ate o día 10 non van ofrecer moitas novidades, máis aló das que o mundo editorial lles facilita e que aparecerán á vista en todos os mostradores dos libreiros que concorren. A anunciada reestruturación do certame que auguraba o pasado ano a directora da feira, Isabel Ares Suárez, frustrouse porque, como sinalou esta libreira de A Baña na presentación da edición deste ano «pensabamos ofrecer unha transformación substancial, pero o cambio de goberno na Xunta fíxoo inviable». Confían en que poderá ser o ano que vén, e amosou a disposición da Agrupación de Libreiros de Santiago a recibir propostas e ideas de persoas e colectivos.
O que pretenden é transformar a Feira do Libro para facela interactiva coa participación doutros colectivos do mundo da cultura. O espello no que se miran é o da Coruña, que fai coincidir no mes de agosto a súa Feira do Libro coa de artesanía, artistas plásticos e outros certames no mesmo entorno dos Cantóns. Isabel Ares expresou tamén o desexo de conseguir mudar inercias como a de que todas as casetas ofrezan practicamente o mesmo, e acadar o vello desexo de especializalas por temas ou áreas. Nesa liña asegurou que contan con algúns dos libreiros máis importantes da cidade, polo que o seu concurso será determinante para marcar a liña o ano que vén, ademais de conseguir unir esforzos doutros colectivos culturais contando co Concello de Santiago.
Pero este ano a dinámica será a que xa se coñece, coa boa noticia de que á carpa que cubrirá as casetas engádese unha tarima no chan para evitar a lama que se forma sempre que chove, porque as escorrentas non as salva o toldo.
O programa de actos diarios no mesmo recinto da Feira do Libro ofrecerá «actividades densas, pero atraínte», segundo o coordinador técnico da Federación de Libreiros, Antonio Fernández Maira. Destacou os tres recitais con cadanseu acompañamento musical, o primeiro a cargo de Xosé Carlos Caneiro; o segundo con Manuel Rivas de protagonista co seu último libro de poesía; e o terceiro con varios poetas, en colaboración co Pen Club de Galicia.
Nova tirada de aquí
segunda-feira, 27 de abril de 2009
Están reservando a Darío Villanueva para asaltar a alcaldía de Santiago?
domingo, 26 de abril de 2009
Quen é o autor do informe das FAES?
'La Paradoja de la normalización del gallego', de FAES
Nova tirada de aquí
sábado, 25 de abril de 2009
Festa multilingüe en Filoloxía
A Facultade de Filoloxía convirteuse onte nunha festa multilingüe grazas á cerimonia de licenciatura da última promoción, que congregou a alumnos, profesores e familiares no centro do Campus Norte, e que estivo presidida pola vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo.
O solemne acto contou coa intervención dunha representación dos alumnos, quen recordaron momentos chaves do seu paso pola facultade e algunhas anécdotas, e dos padriños de promoción das distintas especialidades, ademais do decano do centro, Ernesto González.
Así, María José Domínguez Vázquez interveu na cerimonia en calidade de madriña da promoción de Filoloxía Alemá, mentres que Helena de Carlos e José Carracedo fixeron o propio por Filoloxía Clásica.
María Luz Casal e Carlos Valcárcel compartiron a honra de apadriñar á promoción de Filoloxía Románica, mentres que a especialidade de Filoloxía Galega estivo representada por Xosé Manuel Salgado.
Pola súa parte, o profesor Luis Iglesias Feijóo apadriñou a especialidade de Hispánicas, e Patricia Fra e Manuel Míguez a promoción de Filoloxía Inglesa.
A entrega de diplomas puxo o broche de ouro tras a actuación musical a cargo do Grupo Instrumental Siglo XX.
[...]
Nova tirada de aquí
sexta-feira, 24 de abril de 2009
segunda-feira, 20 de abril de 2009
A Faes acusa o Instituto da Lingua de inventarse o vocabulario e de acudir ao portugués
'La Paradoja de la normalización del gallego', de FAES
Segundo considera o documento, difundido na serie 'Papeis Faes' e elaborado polo filólogo clásico e profesor de Lingua Española e Literatura Andrés Freire, a política de normalización lingüística da Comunidade galega "é a última das extravagancias que atravesa a historia de España".
No documento, recollido por Europa Press, Freire explica que este proceso levado a cabo "nos últimos 30 anos" puxo en dúbida" o "fenómeno de expansión" do castelán que "se converteu na lingua de prestixio" ao longo da Península Ibérica.
"A ignorancia dalgúns e o interese doutros axuntaron esforzos para reverter este proceso de séculos coa escusa de que estamos ante unha anormalidade resultante dun suposto 'imperialismo castelán'", indica Freire. "Esta política, inusitadamente denominada 'normalización' é a última das extravagancias que atravesa a historia de España", sostén.
Así, defende que o proceso de evolución histórica do galego representa a "construción dunha lingua recoñecíbel" a partir dunha "suma de variantes lingüísticas galaicas" cuxa supervivencia débese ao "illamento" de Galiza e ao "analfabetismo do campesiñado galego".
Neolingua
Neste sentido, considera que as tres últimas décadas da historia do galego estiveron marcadas polo "diferencialismo" que, na súa opinión, levou o Instituto da Lingua Galega a "inventarse todo un vocabulario" e a acudir ao portugués ou a "calquera variante lingüística local que difira do castelán".
Devandita evolución, desembocou nunha 'neolingua' "usada para as cerimonias e os actos públicos, pero que se abandona unha vez que as cámaras non enfocan" e que rexeitou trazos característicos da lingua como o seseo ou a gheada "por un vocabulario cambiante e artificioso, repleto de palabras xamais pronunciadas por un galego".
"O pechado acento de aldea foi visto como un trazo lingüístico a desterrar", sentenciou Freire no informe, para recordar que os técnicos da normalización inclináronse por un "castelán de Galicia".
“Loitas fratricidas”
Doutra banda, Freire achaca a culpabilidade de todo este proceso ao nacionalismo "dividido en loitas fratricidas", en referencia á corrente que defende unha norma "propiamente galega" e os que avogan por un achegamento ao portugués.
Así, criticou que as diferentes correntes provocaron "querelas insufríbeis" que "lonxe de acougarse, continúan hoxe escindindo ao nacionalismo galego" nunha "gran batalla intergalaica".
En pleno debate ante a próxima derrogación do Decreto que regula un 50 por cento de materias impartidas en galego por parte do Goberno electo do PPdeG e o abandono das 'Galescolas', o informe nega a existencia de ataques ao galego "salvo nos foros nacionalistas".
Así mesmo, critica que o achegamento do galego á norma do portugués que, segundo comentou o informe, defende o ex vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, suporá que os estudantes galegos "que a penas estudan hoxe en castelán" se atoparon con que as formas lingüísticas que estudaron "desaparecerán algún día".
"Empezaron solicitando o bilingüismo oficial, proseguiron coa discriminación positiva, avanzaron cara á desaparición do castelán como lingua oficial de facto en Galicia, e agora adoiten con que o uso deste pase a ser excepcional, coa escusa do dereito a 'vivir en galego'" –en alusión ao lema da Mesa pola Normalización Lingüística–, sentenza.
A nova está tirada de aquí
sexta-feira, 17 de abril de 2009
"A ausencia de debate sobre Boloña é unha carencia democrática"
"É o momento do debate e non dos expedientes. Iso é o que os estudantes reclaman e o que xa non pode demorarse. Por iso é preciso que nos tomemos o tempo que faga falta antes de que sexa demasiado tarde". A catedrática de Filosofía da Universidad Complutense de Madrid, Montserrat Galcerán, cre que aínda hai tempo para reconducir algúns elementos do Plan Boloña: "É un plan que contén liñas xerais, que se poden aplicar de distinta forma en cada país; por exemplo, pódense cobrar os créditos de máster ao mesmo prezo que os de grado". En calquera caso, Galcerán pide que se atrase a posta en marcha do plan "un ano, para negociar e reconsiderar algúns dos seus puntos".
Galcerán é moi crítica, así mesmo, con que a única resposta do Goberno ás críticas realizadas pola comunidade universitaria sexa unha campaña de comunicación e non a apertura dun debate: "Unha campaña de comunicación supón que as decisións xa están tomadas e son correctas; o que falla é a 'comunicación' ou sexa que aqueles que deben sufrilas estean de acordo con elas; é un procedemento radicalmente tecnocrático e despótico, mentres que abrir un debate implica que se é consciente dos problemas e que se quere resolvelos por medio de acordos, recoñecendo os argumentos das outras partes".
Sobre o novo ministro de Educación, Ángel Gabilondo, ex presidente da Conferencia de Reitores, Galcerán valora que é "un home de universidade e coñece o medio", e cre que cando menos estará máis disposto a abrir un diálogo sobre a aplicación do plan. O propio Gabilondo manifestouse en máis dunha ocasión de forma crítica con Boloña e afirmou, por exemplo, que "non somos adestradores profesionais nin o noso único obxectivo é capacitar para producir". En calquera caso, do que se felicita a catedrática é de que as universidades volvan depender do Ministerio de Educación e non do de Ciencia e Innovación.
A xornada do venres
Montserrat Galceran pechou a sesión do xoves da Semana de Filosofía de Pontevedra, que este venres chega á súa derradeira xornada. Polo Centro Social Caixanova de Pontevedra pasará Pedro Garía Olivos, que ofrecerá a conferencia 'O sistema educativo elitista occidental: adestramento e venda subliminal de valores'; a seguir, chegará a mesa redonda 'Educación en condicións difíciles', con María J. Cortiñas e Eva López e a sesión de clausura a cargo de Marta Harnecker, unha das principais investigadoras e divulgadoras das experiencias de transformación social do continente americano.
Harnecker foi asesora do goberno cubano e na actualidade reside en Venezuela, onde traballa co goberno de Chávez. É autora de máis de 70 libros, o máis coñecido de todos é Os conceptos elementais do materialismo histórico, publicado en 1969, e que conta con 63 edicións. Desde os anos oitenta dedica gran parte do seu tempo a escribir libros sobre as experiencias guerrilleiras de Centroamérica e Colombia, por exemplo Facendo camiño ao andar, que reúne experiencias de varios gobernos locais de participación popular en América Latina. Outra das súas obras máis coñecidas é Facendo posíbel o imposíbel: A Esquerda no Limiar do Século XXI.
Nova tirada de aquí
quarta-feira, 15 de abril de 2009
Pensar, resistir e vencer
En que modo a intervención cultural estabelece hoxe relacións de interdependencia con dinámicas sociais, políticas e económicas? Cal é a a marxe de manobra para lograr desestabilizar a axenda política e económica do neoliberalismo, para resistir e vencer a hexemonía exercida e abrirmos paso ao cambio histórico? En que medida son efectivas as poéticas de resistencia? En que modo se vinculan resistencia e poder? Arturo Casas facía estas preguntas no seu blog hai un par de semanas, cuestións sobre a que o II Simposio Poéticas de Resistencia, que Casas coordina o encontro canda á profesora Iris Cochón.
O encontro está organizados pola área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC en colaboración con Poetics of Resistance, unha rede de investigadores e activistas europeos, sudamericanos e estadounidenses centrada no debate sobre as posibilidades actuais da resistencia, isto é, sobre as prácticas de intervención social e cultural e na súa eficacia presente. O primeiro encontro celebrouse a primavera pasada en Leeds, organizado por Ben Bollig e Cornelia Gräbner. Daquela desprazáranse a Inglaterra Arturo Casas, Iris Cochón, Chus Pato, María do Cebreiro ou Isaac Lourido.
A rede está composta por escritores, cineastas, editores, críticos, activistas sociais e performers e busca un compromiso crítico co presente tendente a desestabilizar as prácticas neoliberais mediante a desmontaxe dos modos operativos dos media e a integración de estratexias procedentes da cultura popular pero tamén a reflexionar sobre as limitacións do alternativo.
Os debates terán lugar o xoves 16 e o venres 17 no Centro de Estudos Avanzados da USC, por onde pasarán investigadores, e creadores de varias disciplinas, dende a poesía ao cinema. O programa inclúe unha serie de actividades paralelas, coa presentación de Lo que puede un cuerpo. Ensayos de estética modal, militarismo y pornografía (2009) de Jordi Claramonte, ou a intervención na Facultade de Historia da USC de Mario Viveros verbo do documentalismo que se está a facer en México, coa proxección do documental Romper el cerco (2006) e a presentación do libro Canal 6 de Julio: la guerrilla fílmica (2008). Ademais, o xoves a Fundación Granell acollerá un recital poético de Alfonso Pexegueiro, acompañado de Anxo Pintos (zanfona), Quico Comesaña (arpa) e das actrices María Caparrini e Vanesa Sotelo.
A sesión do xoves abrirase cun debate sobre A resistencia cultural no ámbito dos estudos de emerxencia no que participarán Cornelia Gräbner, Margarita García, Jorge Sacido Romero e Iria Sobrino, e a seguir outro sobre Teoría da historia e resistencia coa intervención de Arturo Casas, Lorena Domínguez, Antonio Díaz e Thomas Muhr. Xa pola tarde Carlos Quiroga, Alethia Alfonso, Paula Cristina Oliveira da Cruz e Eduardo Espina falarán sobre Sátira, humor e parodia como estratexias resistentes. A última mesa desta primeira xornada explorará tres experiencias resistentes da man de María do Cebreiro, Cristian Aliaga e Mario Viveros.
Máis información na reportaxe de Praza das Letras
Consulta o programa completo aquí
Nova tirada de aquí
sexta-feira, 10 de abril de 2009
Faladoiro do 17/03/2009 onde se debate sobre o Espazo Europeo de Educación Superior (EEES)
Aínda que o programa é do 17 de Marzo, penso que pode ser interesante o tema que tratan.
Faladoiro é un programa de debate que dirixe e presenta Susana López e que nesta ocasión reúne a Marcelino Agís, profesor de Filosofía da Universidade de Santiago e ex vicerreitor da USC; Juan Viaño, decano da Facultade de Matemáticas; José Carlos Bermejo, catedrático de Historia, e Manuel Abelleira, secretario xeral do Sindicato de Estudantes, para falar da implantación do Espazo Europeo de Educación Superior.
Parte 1
Parte 2
sexta-feira, 3 de abril de 2009
O extraño roubo ao Robin Hood do Gadis do Campus Norte
A lenda de Robin Hood sinala que roubaba aos ricos para dárllelo aos pobres. Pois algo parecido sucedeu o pasado martes 24 no Gadis do Campus Norte de Santiago de Compostela. En lugar de Robin Hood foron doce anarquistas. En lugar de dárllelo aos pobres, repartírono entre a xente que por alí se situaba.
Así é como o contan: "Na manhán do 24 de marzo umha duzia de anarquistas saqueou un GADIS situado no Campus Norte repartindo intres despois o botín entre a gente que había nas inmediacións. A duzia de anarquistas encheu outra duzia de cestas da compra de numerosos productos que ofreze a companhía GADIS e marchou sen pagar (obviamente) pra repartilos minutos despois nas inmediacións do supermercado (no campus norte) entre a gente que alí se situaba.
Esta expropiación de productos de primeira necesidade ten como fin espallar este tipo de accións entre a povoación demostrando que a pillaxe é fácil, divertida e consecuente coas formas de luita anticapitalistas.
Abaixo a sociedade espectáculo-mercantil!
Anarquistas culpaveis de solidariedade!
Ver para crer.
Para ler a nova no seu lugar de orixe, preme aquí.
O novo Consello de Dirección da USC quedará constituído hoxe
O novo Consello de Dirección da Universidade de Santiago quedará formalmente constituído ás 11 horas de hoxe, nun acto que se celebrará no Salón Nobre do Colexio de Fonseca baixo a atenta mirada de Senén Barro. O reitor fixo públicos onte os nomes dos substitutos de Elias Torres á fronte de Cultura e de Lourenzo Fernández Prieto como vicerreitor de Relacións Institucionais. Serán Elvira Fidalgo e Agustín Merino, respectivamente, aínda que Relacións Institucionais pasará a denominarse Política Internacional.
A estes dous nomeamentos hai que sumar o de Jesús Antonio Casabiell Pintos, que substituirá ao profesor Merino no seu actual cargo, xa que ata agora desempeñaba as funcións de vicerreitor adxunto no campus de Lugo. Ademais, a principios desta semana, Senén Barro facía públicos os nomes dos vicerreitores de Profesorado e Organización Académica, Juan Viaño, e da adxunta lucense ao departamento de Economía, Financiamento e Infraestruturas, Marta Miranda, xa que o reitor aproveitou as dimisións dos membros do consello pertencentes a Universidade Aberta para fusionar as vicerrectorías de Economía e Infraestruturas. Manuel Vázquez Taín quedará á fronte de ambos os departamentos.
A noticia está tirada de aquí
quarta-feira, 1 de abril de 2009
Estás de acordo co horario da aula de informática da Facultade de Filoloxía?
Pois ben, con 13 votos emitidos, os resultados (por orde de opción máis votada a menos votada) son os seguintes:
- Non: 11 (84%)
- Si: 2 (15%)
- Ns/Nc: 0 (0%)
Barro aproveita as dimisións para reorganizar as súas vicerrectorías
Juan Viaño substitúe a Dolores Domínguez á fronte de Profesorado e Marta Miranda á adxunta Celia Besteiro
O reitor fusiona os departamentos de Infraestruturas e Economía, que dirixirá Manuel Vázquez Taín
Non hai mal que por ben non veña. Tras a dimisión en bloque dos vicerreitores da USC de Universidade Aberta fai unha semana, o reitor da institución académica, Senén Barro , decidiu dar un golpe de temón no último ano de mandato e decantarse, máis aló de «cubrir vos ocos» das dimisións, por reorganizar o seu equipo de goberno en resposta aos «grandes retos que está a acometer a USC diante dúas espazos europeos de Educación Superior e Investigación».
Será Juan Manuel Viaño Rei, decano da facultade de Matemáticas, o encargado a partir de agora de levar a bo porto a incorporación da Universidade ao novo espazo europeo de educación a través da vicerrectoría de Profesorado e Organización Académica. Entre outros mesteres, Viaño deberá enfrontarse aos «importantes cambios» que se darán no cadro de persoal docente e investigador, na formación do profesorado ou na asignación e avaliación das súas responsabilidades docentes, de investigación e de xestión.
Fusión
Tamén este xiro afectará ás infraestruturas da USC. O resultado desta «reflexión e profundización» nas necesidades da Universidade deu como resultado, en primeiro lugar, a fusión das vicerrectorías de Economía e Infraestruturas tras a saída do goberno de Xoán Carlos Carreira. Será Miguel Vázquez Taín, actual responsable de Economía, o encargado de dirixir a nova vicerrectoría de Economía, Financiamento e Infraestruturas, debido á vinculación entre estes ámbitos e a súa «experiencia previa nestas competencias».
Precisamente, é neste departamento no que resoa un dos novos nomes do equipo de goberno da Universidade. Marta Miranda Castañón, profesora da área de Medicamento e Cirurxía Animal na facultade de Veterinaria, é a nova cabeza visible da vicerrectoría adxunta ao departamento de Taín en Lugo
Polo momento, non se coñecen os nome que quen substituirán a Lourenzo Fernández Prieto á fronte da vicerrectoría de Relacións Institucionais e a Elías Torres como responsable de Cultura. No que si pensou o reitor é na traxectoria que quere dar a ambos os departamentos ata as próximas eleccións ao reitorado, que terán lugar dentro de 14 meses e nas que presumiblemente Fernández Prieto será o cabeza visible da candidatura de Universidade Aberta.
En canto a Relacións Institucionais, Senén Barro aposta porque a USC enmárquese nun «espazo paneuropeo» tanto no ámbito docente como no investigador, e ao mesmo tempo facer de ponte co espazo iberoamericano.
Ademais, a vicerrectoría de Cultura incidirá na posta en valor e conservación do patrimonio propio. «Necesitamos captar vontades e recursos para vos proxectos de valorización que estamos deseñando», concluíu Barro.
Nova tirada de aquí
sábado, 28 de março de 2009
'A política lingüística do bipartito foi continuísta'
Xusto antes das eleccións, o Consello da Cultura difundiu un informe moi crítico coa normalización lingüística, tanto se recuou no período do bipartito?
O informe falaba sobre todo da área da Secretaría Xeral de Política Lingüística, non do actual goberno en funcións. O bipartito elevou a Dirección Xeral de Política Lingüística ao rango de Secretaría Xeral e trasladouna de Educación á Presidencia da Xunta. Ese salto cualitativo non se traduciu no aumento da capacidade política e seguiu unha liña continuísta con algúns defectos graves coma a falta de diálogo, de asesoramento e de impulso político. E ao ser de maior rango que antes, os erros agrandáronse. A persoa que estivo á fronte [Marisol López] carece de capacidade técnica e demostrou unha prepotencia inaudita. Creou un Observatorio da Lingua, cunha dotación de 300.000 euros, pero outorgoullo a unha empresa privada que se usou como ariete propagandístico. Tampouco asesorou ben á Consellaría de Educación.
Todo foi tan mal?
Non. Déronse pasos positivos en Vicepresidencia, en Turismo coa cuestión dos topónimos, en Educación..., aínda que sen coordinación. No pacto de goberno a lingua aparece como unha política de goberno compartida. Creouse unha Comisión de Seguimento, pero só unha persoa se mantivo durante todo o mandato.
Enumere os aspectos positivos.
Na Secretaría Xeral non foi todo negro. Organizou ben as certificacións e títulos de competencia en galego. Houbo persoal cualificado e déronse algúns pasos nos lectorados de galego. Pero o máis positivo estivo noutras áreas. As Galescolas, con independencia do nome, foron moi positivas no uso do galego, a lingua apareceu no mesmo momento de concepción do proxecto, non foi algo que se pegou despois. Tamén o contido do Decreto do galego no ensino foi positivo, pero só o contido, fallou todo o que é o acompañamento. Non se pode facer o que facía o PP, publicar normas e aí te quedas. Hai que implicar os pais, comunicarse co alumnado e profesorado, dotar de material didáctico, contemplar a reciclaxe profesional... Había iniciativas previstas, en parte torpedeadas por persoal situado por debaixo da conselleira de Educación, e noutra parte pola vertixe do presidente, que colleu medo co discurso da "imposición".
Entón Touriño é en parte responsábel.
Presidía o goberno. É revelador o que dixo en campaña de que non toleraría a imposición. Ou era un lapso polo que asumía o discurso do PP, ou pretendía atacar o BNG desautorizándose a si mesmo.
Perda de falantes.
Nos últimos trinta anos, o galego ampliou os espazos pero diminuíu o número de falantes. Ten visos de deterse esta perda de usuarios?
Se falamos dos datos que vén de rescatar a Mesa, porque son da Academia, teño moitas prevencións. En 2003, no Consello da Cultura fixemos un estudo, apoiado nunha enquisa do Instituto Galego de Estatística, que recollía datos comparábeis con outro estudo de 1992. Os datos da Academia non son comparábeis con ningúns porque empregan un universo de persoas consultadas que é diferente. En calquera caso, ese estudo que agora menciona a Mesa sinala que en 12 anos o galego pasou de ser a lingua inicial do 60% da xente a ser o idioma inicial do 20%. A lingua inicial é un factor que non cambia en toda a vida das persoas, tes unha lingua inicial dende que naces até que morres, como puido descender tanto? Morreu o 40% da xente en doce anos? É un disparate e unha mensaxe catastrofista. Non se pode estar enterrando o galego todos os anos. Xa o pai Sarmiento no século XVIII agoiraba a inminente morte do galego.
Vostedes como o ven?
En 2006, cando presentamos o noso estudo, dixemos que había un descenso do galego como lingua inicial, pero do 0,6%. É un efecto estatístico debido á evolución vexetativa da poboación: morren os vellos.
Iso tamén é negativo.
Pero menos. Ademais, hai certa freada no proceso de substitución porque se detivo a interrupción na transmisión da lingua. Agora os pais xa lle falan galego aos fillos. De todos os xeitos, en dúas ou tres décadas, o galego será minoritario, isto debería levar a unha reflexión ao nacionalismo, reflexión que vin na famosa carta de Quintana despois de perder as eleccións, pero non na posterior da Executiva do BNG.
Un instrumento moi útil para deter o proceso ou retardalo é o prometido Consorcio para a normalización, que prevía o bipartito e que está recollido no Plano Xeral de Normalización. Sabe a que se debe que non se constituíse?
Ese é outro exemplo do goberno que tivemos. A súa creación propúxoa o PSOE e foi aprobada por unanimidade no Parlamento. Tivo unha reserva de orzamento pero non foi adiante porque desde a Presidencia parouse coa desculpa de non crear outro “chiringuito coma os do BNG”. A realidade foi o pánico de Touriño despois da famosa conferencia de empresarios contra o galego e de iniciar a axitación Galicia Bilingüe. Unha vez que se lanza unha política, se o goberno a paraliza... imos aviados.
Teñen esperanzas de que se cre nos próximos catro anos?
Con esa fórmula ou con outra, teño esperanza de que alguén se tome en serio a política lingüística, pero necesítanse instrumentos, unha entidade coordinadora, que proxecte o idioma, que facilite estudos, que apoie iniciativas económicas... e que teña efecto real. Será este goberno?
Outra sociedade.
E pensa que hoxe estamos ante unha sociedade bilingüe e que compre outra estratexia?
O nacionalismo ten que reflexionar sobre a lingua porque a que fai está baseada na de hai 30 anos, cando o galego era a lingua maioritaria e a perspectiva do monolingüismo era posíbel. Hoxe o castelán está moi introducido nas cidades. Amplos sectores están instalados en el e non se senten culpábeis. Por que habían de estalo? Son sectores urbanos que en tempos apoiaron o nacionalismo. As perspectivas de futuro son distintas. Non imos conseguir unha Galiza monolingüe en unha xeración. Se non rebaixamos o discurso e os obxectivos a curto prazo, non imos a ningures. Iso pode facerse e avanzar, pero hai que poñer máis atención en como se fai, precisamos novos instrumentos e estratexias de cambio.
Á marxe da cuestión da "imposición da lingua", Feixóo prometeu a promoción do galego, ten neste campo posibilidades de actuar?
A miña impresión é que levaba un discurso pensado en clave de oposición. A vitoria foi inesperada. Agora vese no goberno e decátase de que todo é máis complexo. Algunhas promesas súas como a separación por linguas nos colexios son irrealizábeis. Abrirá un período de reflexión. Espero que busque o consenso, a maneira de non dar marcha atrás. Sería moito pedir medidas de impulso.
O Consello reclama o 0,3% do orzamento da Xunta para a política lingüística, non teme que eses cartos rematen en financiar actividades que nada teñen que ver co idioma e que nin sequera o empregan?
Iso xa pasa con menos do 0,3% desde hai tempo. Hai gastos irracionais, subvencións para festexos ou a medios de comunicación que desprezan o galego...
Reunión con Feixóo.
Xa sei que Feixóo non desvelou as liñas xerais en materia de lingua, mais vostedes reuníronse con el. Apuntáronlle as contradicións que ven no seu discurso?
Foi unha conversa informal e reservada. Veu oír falar. O tema foi o galego. O primeiro que lle preguntamos foi se ía tocar a Lei de Normalización Lingüística, era unha cuestión importante para comezar a conversa. Dixo que non a ía tocar. As nosas reflexións foron que non hai que usar o galego como arma partidaria, que hai que buscar o consenso en función da lei e de que o galego é a lingua propia de Galiza. Insistimos en que non debía dar pasos atrás. Falamos de que é un tema vidroso e de que precisa un asesoramento técnico que lle ofrecemos. Reafirmou o argumento da liberdade individual, pero escoitounos con moito respecto e deu a impresión de que ía reflexionar. Decátase da complexidade e evitará medidas precipitadas.
Desde a oposición, que estratexia debería levar o nacionalismo sobre a lingua?
Digo isto con cautela. Hai a opción de usar o tema como o fixo o PP; ao mellor ten rendemento político. Pero como estudoso e membro do Consello penso que sería bo reconducir a situación. Cando estoupou o rebumbio, moitos cargos públicos do nacionalismo dixeron que non había que crear un conflito onde non o había, é dicir, abandonaron a teoría do conflito. Hoxe sería bo reconducir, con vixilancia, buscando o acordo antes que a confrontación.
Entrevista tirada de aquí